Aviso interno a Besteiro: o alcalde de Ames di que é tempo de preparar as municipais
A alcaldesa da Coruña amósalle o seu apoio e a dirección do PSdeG lembra que o candidato á Xunta se decidirá en primarias
En pleno arranque do curso político e co fondo de dúas campañas electorais, as xerais e as municipais e autonómicas, o líder dos socialistas galegos deixa a porta aberta a volver presentarse como candidato á secretaría xeral e á presidencia da Xunta. Fíxoo nunha entrevista na Radio Galega onde dixo que "o meu compromiso segue a ser firme co meu partido e co meu país".
Non di que si, pero tampouco di que non. E así deixa unha porta aberta. De momento hai un problema de tempos e prioridades.
Desde Ames, o alcalde Blas García déixao claro. Neste momento o que precisa o partido "é máis presencia na rúa por parte de quen o dirixe en Galicia". E lémbralle que o que toca agora é "elixir aos candidatos ás alcaldías e as persoas que van conformar as listas electorais".
Na dirección do partido evitan meter máis leña. O secretario de Acción Territorial do PSdeG, Aitor Bouza, evita entrar no fondo do debate e remite calquera proceso dese tipo a un proceso de primarias "ao que se poderá presentar quen o desexe".
Chegado o momento, a alcaldesa da Coruña apostaría por el. Sempre contou, sempre conta e "sempre contará" co meu máximo apoio, lembra a rexedora Inés Rey.
Besteiro foi proclamado oficialmente candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta en dúas ocasións, aínda que só chegou a presentarse ás urnas nunha delas, a de 2024.