Publicador de contidos

Publicador de contidos

Besteiro deixa a porta aberta a repetir como candidato do PSdeG á Xunta

Besteiro deixa a porta aberta a repetir como candidato do PSdeG á Xunta

O secretario xeral do PSdeG asegura que o seu compromiso é firme con Galicia e co partido

Besteiro nos estudos da Radio Galega
G24.gal 20/09/2026 09:50 Última actualización 20/09/2026 09:10

O líder do PSdeG non desvela se optará a ser, de novo, o candidato ás próximas eleccións autonómicas pero tampouco o descarta expresamente.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, José Ramón Gómez Besteiro afirma que mantén intacto o seu compromiso co partido e con Galicia.

“"Imos ter unhas eleccións municipais, posteriormente unhas xerais, e despois chegarán as autonómicas pero o meu compromiso segue sendo ao 100% co meu país, con Galicia e co meu partido".

Gómez Besteiro augura que nos próximos comicios os cidadáns optarán polo Partido Socialista porque "ten unha marca e uns referentes que o distinguen dos demais".

En concreto, cita a Vigo e á Coruña, por estar “entre as 85 cidades do mundo con máis calidade de vida”, e aos seus respectivos rexedores.

"O Partido Socialista ofrece referentes de todo tipo... Referencias municipais? Abel Caballero e Inés Rey. Pero que marca de política de xestión municipal hai? O Partido Socialista. Non dubide que nas próximas eleccións a xente vai optar polo Partido Socialista, fundamentalmente porque  implica gobernos de proximidade que resolven problemas e que presentan proxectos de futuro para as vilas e as cidades".

Engade que a presenza dos gobernos municipais socialistas é importante e indica que os acordos con outras formacións "non lle quitan un ápice á forza e á imaxe dos candidatos".

Liñas políticas  

O secretario xeral do PSdeG marca prioridades con vistas ao curso político que comeza.

Por un lado, a loita contra a "emerxencia habitacional" que fai que 36.500 mozos estean agardando por unha vivenda pública. Unha situación da que responsabiliza as políticas do Partido Popular que, ao seu xuízo, "durante 17 anos foi incapaz de xestionar e construír vivenda pública".

José Ramón Gómez Besteiro tamén pon o foco na "emerxencia sanitaria” porque, segundo asegura, 400.000 persoas agardan por unha cita médica ou por unha proba diagnóstica.

Ademais, fala dunha "emerxencia climática" logo da vaga de lumes de 2025 e ante a falta de auga actual.

En cuarto lugar apunta a unha "emerxencia lingüística e cultural evidentes no noso país".

"Os socialistas estamos centrados en atender esas necesidade e en ofrecer unha forma diferente de facer política e de resolver eses problemas que hoxe teñen moitísimos galegos: vivenda, sanidade, emerxencia climática e, en definitiva, defensa do noso país e, sobre todo, contribuír a un desenvolvemento económico necesario".

Preguntado polos casos de corrupción e pola investigacion ao expresidente da Deputación de Lugo, José Tomé, por presunto acoso sexual, Besteiro afirma que o Partido Socialista actúa con transparencia a diferenza do Partido Popular.

"O Partido Popular nega as evidencias e o Partido Socialista, cando detecta calquera tipo de corrupción ou comportamento deshonesto, o que fai é separar, segregar, apartar e expoñelo á luz pública, non o agochamos".

Tamén acusa o PP de incumprir os seus propios estatutos coa moción de censura en Lugo que lle deu o bastón de mando a Elena Candia.

"En Lugo o que temos é unha moción de censura indigna, realizada polo Partido Popular. Elena Candia aproveitouse dunha tránsfuga incumprindo os estatutos do Partido Popular… Creo que en Lugo, a xente vai penalizar ese comportamento".

Ademais, nega deslealdades dentro do partido logo de que 70 mulleres socialistas asinaran un manifesto no que critican a xestión que fixeron do caso Tomé.

"Non recoñezo unha situación de deslealdade senón unha opinión que, por certo, compartimos todos, un forte compromiso co principio de igualdade e de loita contra a violencia de xénero que é un piar principal da nosa acción política".

AP-9

O secretario xeral do PSdeG asegura que Galicia debe aceptar a transferencia da autoestrada AP-9 e amosa a súa sorpresa ante o rexeitamento do Partido Popular que votou en contra no Congreso argumentando falta de garantías financeiras. 

"O Estado farase cargo de calquera consecuencia que teña a súa orixe con anterioridade á transferencia, isto queda absolutamente claro. Só aqueles que queren confundir, están dicindo cousas que non son certas".

José Ramón Gómez Besteiro engadiu que a transferencia non implica “ningún tipo de condena salvo á mochila de Aznar”, en referencia á prórroga das peaxes ata 2048 en favor de Audasa aprobada no ano 2000 e que está xudicializada.

"Foi a mochila que o PP, co silencio cómplice do Partido Popular en Galicia, aceptou cando se prorrogaron ata 2048 as peaxes na AP-9".

Unha xestión que contrapuxo á do Goberno socialista que "destina máis de 150 millons ao ano a facerlle fronte ás bonificacións da AP-9 pero tamén da A-53 que conecta Santiago con Ourense".

Preguntado polas infraestruturas en Lugo, sinalou que  as obras da autovía A-54, que conectará Santiago con Lugo, estarán rematadas antes das eleccións municipais do 23 de maio de 2027.

"Xa verá como cando se celebren as eleccións municipais vai haber unha conexión directa de Lugo a Santiago. É unha obra que se vai rematar agora. Está en marcha, como tamén o están as obras de recuperación da A-6 froito, por certo, da falta de mantemento  durante os gobernos de Mariano Rajoy".

Tamén indicou que o Goberno está a investir 600 millóns na conexión ferroviaria entre Lugo e Ourense que o PP deixou sen electrificar.

"A verdade é que o nivel de abandono do Partido Popular, coa complacencia da Xunta de Galicia -que estaba ben caladiña cando non se facían eses investimentos-, levounos  a unha situación de atrasos que practicamente están resoltos e solucionados".

Proxectos Industriais

O líder dos socialistas galegos reclama aproveitar a capacidade de xeración eléctrica de Galicia para  poñela ao servizo dos proxectos industriais. Tamén apela á colaboración entre administracions. 

"Cando se colabora co Goberno, cando non se poñen trabas, as cousas saen ben".

Engade que o Goberno español apostou porque SAIC Motor viñera a Galicia.

"A xente ten que saber que había outros competidores en España. Cataluña e Valencia poxaron forte pero o Goberno entendeu que era unha zona que necesita esa revalorización industrial. Espero que agora a Xunta non o estrague coa xestión".

Ceuta

José Ramón Gómez Besteiro defende a xestión do Goberno central en Ceuta onde a presión migratoria é "constante".

"Non hai ningún informe onde se precise que van entrar 85 mil persoas en Ceuta e se o hai eu non o coñezo".

Engade que o executivo de Pedro Sánchez “puxo medios para solventar a situación fronte á actuación da oposición".

"Cal é o modelo da oposición? Non o coñezo. Que farían diferente do que fixo este Goberno? Agora estamos vendo que a actitude do goberno autonómico de Ceuta é de máxima obstrución. Non son números, non son expedientes, son menores protexidos polas leis e os tratados internacionais".

O líder dos socialistas galegos acusa os populares de non ter unha actitude responsable e de utilizar a crise de Ceuta para xerar división.

"O PP non acepta trasladar os menores aos territorios da comunidades autónomas, pon obstáculos e utiliza a situación de Ceuta para meterlle medo á xente".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade