Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PPdeG propón a Blanco Valdés e a Raposo Arceo como candidatos ao Constitucional

O PPdeG propón a Blanco Valdés e a Raposo Arceo como candidatos ao Constitucional

Así o trasladará ao Senado, que elixe a catro membros deste alto tribunal a proposta das comunidades autónomas 

A votación para a súa elección será o 17 de novembro 

Roberto Blanco Valdés. TVG Roberto Blanco Valdés. TVG
G24.gal 13/11/2026 19:47

O Grupo Parlamentario Popular informou de que propuxo a Roberto Blanco Valdés e a Juan Raposo Arceo como candidatos a maxistrados do Tribunal Constitucional (TC) para presentar ao Senado.

Natural da Estrada, Roberto Blanco Valdés é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Catedrático de Dereito Constitucional no departamento de Dereito Público e Teoría do Estado da USC, e de Dereito e Socioloxía da Universidade da Coruña.

Segundo destacan os populares, entre as súas publicacións se contan máis de corenta libros. Blanco Valdés dirixiu nove teses doutorais e formou parte, como presidente ou membro, de máis de medio cento de tribunais de teses. Así mesmo, é membro do comité científico ou asesor de numerosas revistas científicas especializadas en Dereito Constitucional.

Juan Raposo Arceo é licenciado en Dereito pola USC e, na actualidade, profesor titular de Dereito Civil de la Universidade da Coruña.

Debido á súa actividade docente, impartiu máis dun cento de cursos nas universidades galegas, así como tamén no Consello Xeral do Poder Xudicial, en colexios de avogados ou na Escola Galega de Administración Pública.

O PPdeG destaca que, desde 1993 dirixiu e coordinou en diferentes institucións, tanto públicas como privadas, máis de cen cursos sobre ordenación do territorio, urbanismo, vivenda, organización administrativa ou Dereito público autonómico. Ademáis Raposo Arceo foi integrante do equipo redactor da Constitución de Nicaragua en 2012, e redactor de varias leis autonómicas.

Sistema de eleccións dos maxistrados 

Os populares lembran que o sistema de elección dos maxistrados do Tribunal Constitucional polo Senado ten a súa orixe nunha proposta xurdida no Parlamento de Galicia e incorporada á lexislación estatal, de forma que, na actualidade, a Cámara Alta elixe os catro maxistrados que lle corresponden de entre os candidatos propostos polas asembleas das comunidades autónomas.

Con esta proposta, o Grupo Parlamentario Popular atende o prazo comunicado pola Cámara Alta para a presentación de candidatos polos parlamentos autonómicos, cumprindo a data límite fixada do 30 de novembro de 2026.

A votación para a súa elección terá lugar o vindeiro martes 17 de novembro, no Pleno ordinario do Parlamento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade