Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comezan os traballos para sufocar o incendio do vertedoiro da Rúa, aceso desde hai 15 días

Comezan os traballos para sufocar o incendio do vertedoiro da Rúa, aceso desde hai 15 días

Calcúlase que serán necesarios máis de 10.000 metros cúbicos de terra para cubrir a gran balsa de residuos, de máis dunha hectárea de superficie

A nube tóxica provocou as protestas da veciñanza de Valdeorras

Carlos Castro/Europa Press
G24.gal 02/09/2025 10:37 Última actualización 02/09/2025 14:59

Efectivos da empresa Tragsa traballan para extinguir o incendio que arde desde o 15 de agosto na entulleira da Rúa, onde está previsto verter uns mil camións de terra e espérase concluír os traballos nun prazo máximo de dúas semanas.

Os traballos arrincaron o luns e avanzan cun rendemento "bastante bo", asegurou este martes o xefe do Grupo Tragsa na zona noroeste (Galicia, Cantabria e Asturias), Manuel Villarroel, que explicou que se empezou a preparar o terreo perimetral da entulleira.

O incendio forestal declarado no municipio de Larouco chegou ata A Rúa e prendeu o 15 de agosto esta entulleira de residuos, onde se depositan restos de compoñentes téxtiles para asentos de automóbiles.

Tras dúas semanas en que a Xunta defendía que a solución correspondía ao Concello mentres desde o municipio aseguraban non ter capacidade técnica nin económica para facelo, finalmente foi a Deputación de Ourense quen asumiu a tarefa a través dunha contratación de emerxencia a Tragsa.

Na entulleira traballan este martes unha pa cargadora de rodas, unha refrescadora de orugas e os camións que van achegando o árido, para avanzar cara ao centro da entulleira e asfixiar o lume, detallou Villarroel.

O depósito ten unha superficie duns 14.000 metros cadrados e Tragsa estima que serán necesarios uns cincuenta centímetros de terra de media, polo que se terán que depositar uns 7.00 metros cúbicos de áridos, ao redor de mil camións.

A terra procede dunha obra próxima e estase barallando a posibilidade de poder collela nunha leira municipal próxima ao terreo, pero é necesario conseguir aínda os permisos. Se se logran, axilizarase o proceso, que Tragsa espera executar nun máximo de dúas semanas, salvo complicacións.

O encargo da Deputación roza os 90.000 euros, prezo que podería variar segundo as condicións que vaian atopando cando avancen os traballos, sinalou Villarroel.

O incendio mantivo en albas durante semanas aos veciños da Rúa, que tiveron que usar máscaras para protexerse do fume arrastrado polo vento desde o depósito.

O punto crítico de calidade do aire foi o 26 de agosto pero nos últimos días "os parámetros baixaron cara á normalidade", asegurou o concelleiro de Cultura da Rúa, José Vicente Solarat, que celebrou que os traballos de extinción "van no ritmo que se estaba prevendo". "A calidade do aire é favorable, con independencia da molestia que xera o cheiro e o fume, que é o único que queda afortunadamente. Somos moderadamente optimistas", sinalou.

Solarat celebrou que a Deputación se fixese cargo dos traballos de extinción, pois o Concello non dispón de empresas que poidan acceder ao incendio nin podía contratar por urxencia.

"Non era cuestión de quen ten que pagar ou non, iso eu creo que foi o menor problema que tiña que ter o debate. Se o Estado axuda ás comunidades, as comunidades teñen que axudar aos municipios", dixo.

O concelleiro espera que a choiva tamén axude a axilizar os traballos de extinción. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade