Atopan lixo nos fondos submariños da praia de Arneles, en Aldán
Confraría e a Plataforma Augas Limpas din que hai unha saturación de embarcacións, case 90 os días de verán
Semella incrible para os que coñezan a ría de Aldán pensar en que os fondos mariños podían estar cheos de lixo.
É unha preocupación compartida da confraría de Aldán pero tamén da Plataforma Augas Limpas que organizaron unha xornada de mergullo en que atoparon na praia de Arneles desde alfombras ata plásticos ou residuos sanitarios.
Semella un paraíso pero aínda podería selo máis. Este mércores unha ducia de barcos ancoran na pequena praia de Arneles, pero un día central de verán poden ser setenta ou noventa. As áncoras danan os fondos e a aglomeración de iates e turistas, podería ser a razón de todo o lixo que atoparon os mergulladores a pasada fin de semana nestes fondos.
Tamén están preocupados porque os barcos non teñen facilidades para baleirar as augas grises e son demasiados.
Apostan porque se limiten a menos de trinta o número de barcos de recreo e que se use un sistema de mortos como en Cíes para que as áncoras non arrasen o fondo.
Augas limpas tamén loita para que a calidade da auga para a cría de marisco continúe sendo óptima, zona A como é aquí. Un marisco que se pode comer sen pasar por depuración. Tamén queren que se replante zoostera como se fixo na ría do Burgo e que se protexa como fan coa posidonia nas Baleares porque todo revirte no ecosistema e na calidade da auga do medio.