Publicador de contidos

Publicador de contidos

Indonesia amplía a busca da familia valenciana desaparecida nun naufraxio

Indonesia amplía a busca da familia valenciana desaparecida nun naufraxio

Buscan un home e tres dos seus fillos que viaxaban nunha embarcación de uso turístico

A muller e outra filla foron rescatadas tras o afundimento na illa de Padar, ao leste de Bali

Segundo un informe preliminar do accidente, o motor do barco sufriu unha avaría

REUTERS REUTERS
G24.gal 28/12/2025 08:30 Última actualización 28/12/2025 10:48

Os equipos de rescate de Indonesia ampliaron a área de busca de Fernando Martín Carreras, o adestrador do Valencia Feminino B e tres dos seus fillos, dous nenos e unha nena, desaparecidos tras o naufraxio dunha embarcación en augas da illa de Padar, ao leste de Bali.

Nun comunicado, o Equipo de Busca e Rescate (SAR) reiterou que os traballos se retomaron este domingo, tras unha pausa durante a noite do sábado, "ampliando a área a 5,25 millas náuticas desde o lugar do incidente" grazas á mellora das condicións marítimas.

Xunto a Fernando Martín e os seus tres fillos viaxaban a nai, Andrea Ortuño, e outra das fillas, que foron rescatadas xunto a catro tripulantes e un guía turístico.

O irmán da muller, Álvaro Ortuño, envioulle unha mensaxe de agradecemento a todos os equipos de salvamento indonesios que participan no operativo.

Segundo o SAR, 80 persoas traballan na operación de procura, coa axuda de catro embarcacións, equipos de mergullo e forzas de seguridade. Nas vindeiras horas agárdase a chegada de máis persoal a bordo do buque de rescate Puntadewa.

Durante esta terceira xornada, a busca céntrase en "determinar a posición do casco do barco" afundido xa que, segundo o testemuño do capitán do navío, os catro desaparecidos foron vistos por última vez no seu camarote.

A embarcación de uso turístico, chamada KM Putri Sakinah, afundiu ao redor das 20:30 do venres e, a continuación, activouse o dispositivo de procura con equipos de mergullo e lanchas,

Avaría no motor

De acordo co informe preliminar do accidente, o motor da embarcación sufriu unha avaría que provocou o naufraxio. Os desaparecidos proceden de Valencia e o Ministerio de Asuntos Exteriores está xa en contacto coa súa familia.

Os accidentes marítimos son comúns en Indonesia por mor das infraestruturas precarias, a sobrecarga de pasaxeiros e mercadorías, o cumprimento laxo das normas de seguridade e as inclemencias meteorolóxicas.

O barco é un dos principais medios de transporte no arquipélago, formado por máis de 17.000 illas e cunha poboación de máis de 270 millóns de habitantes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade