Aparecen dous corpos nas praias do Alto Miño que poderían ser do naufraxio do 14 de decembro en Caminha
Aparecen dous corpos nas praias do Alto Miño que poderían ser do naufraxio do 14 de decembro en Caminha
Os corpos foron localizados nas praias de Insua e Moledo e poderían ser dous dos tres mariñeiros desaparecidos do pesqueiro portugués que se afundiu fronte á costa de Caminha
O Comando Local da Policía Marítima de Viana do Castelo fíxose cargo da investigación
Dispositivo de busca dos mariñeiros do pesqueiro portugués afundido o 14 de decembro fronte ás costas de Caminha
O 14 de decembro afundíase un pesqueiro portugués fronte ás costas de Caminha, xusto na desembocadura do Miño, nas proximidades da illa da Insua. Alí foron rescatados os dous sobreviventes, o patrón portugués e un mariñeiro, de orixe indonesia.
Desde ese día seguían desaparecidos tres membros da tripulación, de orixe indonesia. Este domingo apareceron os corpos de dous homes na zona do Alto Miño que se supón que son dous deses tres tripulantes do pesqueiro afundido.
O primeiro corpo apareceu na praia de Insua, en Afife, no concello de Viana do Castelo. O aviso de que aparecera recibírono a través do Centro de Coordinación de Busca e Salvamento Marítimo de Lisboa. Axiña dispuxeron un dispositivo de recuperación.
Horas despois foi localizado o segundo corpo na praia de Moledo, no concello de Caminha. Segundo as autoridades lusas, todo apunta a que é outro dos mariñeiros desaparecidos.
A busca do terceiro mariñeiro, tamén indonesio, faise agora só por terra, nun operativo no que colaboran as policías marítimas de Viana e Caminha.
O patrón xa recibiu a alta médica, mentres o outro mariñeiro sobrevivente continúa hospitalizado, pero en estado leve.
A embarcación aínda permanece nas rochas da illa da Ínsua, entretanto non conclúa investigación para determinar as causas do naufraxio. Da investigacion encárgase o Comando Local da Policía Marítima de Viana do Castelo.