Segue a busca de tres mariñeiros dun pesqueiro portugués que naufragou na desembocadura do Miño
Este domingo foran localizados dous dos tripulantes, un mariñeiro portugués e outro de orixe indonesia
As condicións meteorolóxicas, que impediron o traballo dos mergulladores, dificultan moito a busca dos desaparecidos
Un golpe de mar apúntase como a causa máis probable do naufraxio
Os servizos de emerxencia retomaron a primeira hora deste luns a busca dos tres tripulantes do pesqueiro portugués que naufragou este domingo na desembocadura do río Miño.
O operativo, coordinado polas autoridades portuguesas, iniciouse pasadas as 13:30 horas deste domingo, cando a Comandancia Naval do Miño recibiu o aviso da localización dunha embarcación envorcada na desembocadura do río, nas proximidades da illa da Insua. Alí foron rescatados os dous sobreviventes, o patrón portugués e un mariñeiro, de orixe indonesia.
No dispositivo participan medios portugueses e galegos. Búscanos por terra, mar e aire entre a localidade lusa de Áncora e a galega da Guarda. Porén as condicións meteorolóxicas están a dificultar moito os traballos, entre eles o dos mergulladores na zona do naufraxio.
O pesqueiro permanece encallado nas rochas ao carón do illote da Ínsua. A Capitanía Marítima de Caminha confirmou que no interior do barco non estaba o resto da tripulación tres mariñeiros, todos eles de orixe indonesia.
(Salvamento Marítimo)
A investigación está aberta pero todo apunta a un golpe de mar como causa do naufraxio.
Tal e como confirmaron fontes de Salvamento Marítimo, a embarcación trátase do pesqueiro portugués Vila de Caminha.
Para o operativo Salvamento mobilizou a Salvamar Mirach, un avión Sasemar 101 e un helicóptero Koala. Ademais, o helicóptero de rescate Pesca I, de Gardacostas de Galicia, colabora na procura.