Rueda agradece no Porto o compromiso portugués coa alta velocidade
O presidente da Xunta pídelle a Goberno español que asuman o mesmo grao de compromiso
Galicia e o norte de Portugal meten presión para que se poida viaxar en alta velocidade entre Vigo e O Porto en seis anos.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pídelle ao Goberno español investimentos para rematar a conexión ao mesmo tempo que a parte portuguesa.
Foi nunha reunión cualificada de construtiva, dixeron, entre Alfonso Rueda e o novo alcalde do Porto, Pedro Duarte, quen se compromete a manter e reforzar as relacións con Galicia, coa conexión ferroviaria como unha prioridade.
O alcalde di que a alta velocidade a Vigo é para eles tan importante como a Lisboa. Pedro Duarte lembra que o seu Goberno se comprometeu a rematala no 2032.
"Temos o compromiso asumido polo Goberno (portugués) de que esa liña poderá estar concluída en 2032 e é o calendario no que se está traballando. Non existe razón para non crer que esa liña materializarase no territorio nacional", dixo Duarte.
O presidente da Xunta agradece a vontade de Portugal por avanzar nesta conexión e pídelle ao Goberno de España o mesmo compromiso.
"É certo que isto é unha cuestión de Estados, pero as administracións que formamos parte de cada Estado temos moito que dicir, empuxar e influír nese obxectivo", dixo Rueda en declaracións á prensa tras o encontro.
Rueda indicou que por parte da Xunta toca seguir "influíndo e reclamando" ao Ministerio de Fomento español para que cumpra o seu parte na execución do tramo que falta ata a fronteira portuguesa.
"Que os supostos atrasos en Portugal non poidan servir de argumento para non actuar en España", avisou.
Tamén anunciaron para os próximos meses un cumio con empresarios de Galicia e norte de Portugal para simbolizar a importancia das comunicacións nas relacións económicas das dúas rexións, e acordaron colaborar na organización xa este ano de eventos para promover o próximo Xacobeo 27.
Rueda lembrou que os camiños portugueses a Santiago de Compostela foron crecendo de forma "sostida, constante e moi intensa" nos últimos anos, con polo menos 300.000 dos 800.000 peregrinos que chegaron a Galicia o ano pasado a través das vías de Portugal.
Por iso, insistiu en que hai que continuar o traballo para introducir melloras, como a sinalización dos tramos.