Rueda reivindica o "estilo Galicia Calidade" tras dous anos, que a oposición ve perdidos
Dous anos despois da súa vitoria electoral, o presidente da Xunta di que "seguimos coa mesma forza do primeiro día"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou este mércores os dous anos das eleccións autonómicas reivindicando que hai outra forma de facer as cousas, o "estilo Galicia Calidade", mentres os grupos da oposición consideran que este foi un tempo perdido, de inacción e inmobilismo.
"Hai xusto dous anos os galegos decidían confiar en nós unha vez máis", lembrou Rueda, quen se atopaba esta mañá no Porto (Portugal), nunha mensaxe na rede social X.
Hai xusto dous anos os galegos decidían confiar en nós unha vez máis. Desde aquela, traballamos cada día para estar á altura desa confianza e para demostrar que hai outra forma de facer as cousas: un xeito propio, estilo #GaliciaCalidade. Seguimos coa mesma forza do primeiro día pic.twitter.com/aJsO8Taca7
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) February 18, 2026
Segundo asegura, desde aquel 18 de febreiro de 2024 tanto el como o PPdeG "traballan cada día para estar ao a altura desa confianza e para demostrar que hai outra forma de facer as cousas", unha maneira propia á que nos últimos tempos denominou "Galicia Calidade", recuperando un slogan turístico da Xunta.
Tras estes dous anos, máis os dous anteriores desde que tomou a substitución do agora líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, "seguimos coa mesma forza do primeiro día", conclúe Rueda na súa mensaxe.
A oposición fai balance
Pero a oposición non o ve igual, xa que para o BNG, en moitos aspectos, Galicia "non se moveu" neste tempo e noutros mesmo está "peor do que estaba", sobre todo en servizos públicos, como a sanidade, que sufriron " unha deterioración", dixo este mércores a viceportavoz parlamentaria do BNG Olalla Rodil.
Para os nacionalistas galegos, casos como o do proxecto de macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (Lugo) que a Xunta defende, demostran que o Goberno galego e o PP están "entregados aos intereses dun puñado de empresas, vendendo a prezo de saldo os recursos e a riqueza do país".
Polo que respecta ao seu partido, Rodil destacou que o BNG se "consolidou" nesta lexislatura como "alternativa de goberno" e como unha "oposición firme, contundente, rigorosa e sempre construtiva".
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, está convencido de que "se perderon dous anos" para axudar aos galegos debido á inacción da Xunta de Alfonso Rueda, xa que "nunca antes un presidente deixou en Galicia a tantos galegos sen vivenda, sen médico e sen o diñeiro que lle corresponde”.
Así que Besteiro lamentou este mércores que "a miles de galegos esta lexislatura estáselles facendo longa" porque o presidente galego non cumpriu cos compromisos que realizo durante a campaña electoral.
Con todo, o portavoz parlamentario do PPdeG Alberto Pazos, cre que precisamente isto é algo que non se lle pode reprochar a Rueda, porque "non se pode dicir que non é coherente" e que "cumpre coa palabra dada", algo que é "unha novidade" no contexto da política nacional, pero tamén con respecto á oposición.
Unha oposición á que ve sen unha postura clara, en referencia ao PSdeG, ou facendo "unha emenda ao seu programa electoral", no caso do BNG, porque "o sentidiño que vendía transformouse en algarada e mobilización permanente". Por iso, confía no que "o estilo Rueda siga vixente polo ben que lle fai a Galicia".