Absolto o camioneiro acusado do accidente que deixou un morto e un garda civil dependente en Ourense
Absolto o camioneiro acusado do accidente que deixou un morto e un garda civil dependente en Ourense
Segundo a xuíza, non puido probarse que houbese un exceso de velocidade, peso ou algunha manobra inadecuada
Morre unha persoa nun choque múltiple en San Cibrao das Viñas
A xustiza absolve o camioneiro acusado dun delito de homicidio por imprudencia e dous delitos de lesións por causar a morte dun condutor dunha furgoneta e deixar en estado vexetativo un axente da Garda Civil nunha colisión en San Cibrao das Viñas en 2023.
Segundo a xuíza, "non puido probarse" que o accidente se producise a causa dunha circulación con "velocidade excesiva ou inadecuada", así como "por exceso de peso" ou "por non prestar a debida atención á circulación", ou ben por "realizar unha manobra brusca de xiro" para "tentar manterse dentro do seu carril dereito de circulación".
Así, a maxistrada considerou que "non podería imputárselle ao acusado o factor causante do sinistro" e manifestou que non puido acreditarse que este "infrinxise as máis elementais normas de coidado" ou, "cando menos, nun grao de importancia tal, como para que proceda a intervención do dereito penal".
Os feitos ocorreron preto das doce e media do 9 de febreiro de 2021. O inculpado invadiu o carril esquerdo da OU-525 á altura do municipio ourensán de San Cibrao das Viñas. Por esa mesma vía circulaba correctamente un turismo ocupado por dous axentes da Garda Civil.
O camión chocou frontolateralmente, provocando a saída do turismo que rebotou cara á gabia do seu mesmo carril de circulación. Como consecuencia do incidente, o axente que conducía o vehículo é actualmente "dependente para toda actividade da súa vida diaria" e atópase nun estado vexetativo, recibindo terapia para "previr que as secuelas vaian a máis".
Tras esta primeira colisión, o camión-tractor continuou a traxectoria chocando tamén contra unha furgoneta que conducía correctamente por ese carril esquerdo. O condutor dese vehículo faleceu a causa do choque.
A Fiscalía pedira dous anos e medio de prisión
Segundo se explica na sentenza, o Ministerio Fiscal interesou no xuízo unha condena de dous anos, seis meses e un día de prisión, así como a privación do dereito para conducir vehículos de motor durante tres anos e seis meses, o que implica a perda de vixencia do permiso para conducir, e o pago dunha indemnización de máis de tres millóns de euros ao garda civil afectado.
Así mesmo, a acusación particular solicitou unha pena de tres anos de prisión, a privación do dereito para conducir vehículos de motor durante catro anos, o aboamento das custas procesuais e o pago dunha indemnización de máis de catro millóns de euros.
Pola súa banda, a defensa solicitou a libre absolución do inculpado e, subsidiariamente, a cualificación dos feitos como "imprudencia menos grave".