Liberado un condutor, atrapado tras bater dous camións na autovía do Salnés
O ferido é un traballador do Concello de Sanxenxo que conducía un vehículo municipal
O camión pasara a ITV hai un mes
Camión municipal accidentado. Concello de Sanxenxo.
Un accidente entre dous camións na autovía do Salnés, á altura do Concello de Sanxenxo na saída do parque empresarial, obrigou este mércores a liberar un dos condutores, un traballador municipal, que quedou atrapado nun dos vehículos.
O 112 Galicia informou que a alerta se activou ás 12:30 horas tras recibir a comunicación dunha das persoas implicada no sinistro.
Ata o lugar trasladáronse efectivos da Garda Civil de Tráfico e dos Bombeiros do Salnés, que liberaron o condutor que quedara atrapado no interior da cabina do camión. Posteriormente o ferido foi atendido por Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e evacuado ao centro hospitalario de referencia.
Segundo fontes do Concello de Sanxenxo, o acompañante do condutor atrapado, tamén operario municipal, sufriu feridas nunha perna mentres que a persoa que conducía o outro camión resultou ilesa. O vehículo municipal pasara a ITV hai un mes.