Publicador de contidos

Publicador de contidos

Da Nécora á operación Peito, creatividade na loita policial

Da Nécora á operación Peito, creatividade na loita policial

Os nomes das operacións policiais son un aceno á investigación, xogando ao descoido

Tiran de palabras en latín, alemán ou galego, de termos científicos ou de acrónimos que se identifiquen fácil

G24.gal 16/04/2026 14:09

Chamáronlle Nécora...

"Nécora é un crustáceo, un marisco moi característico das nosas rías", explica Paulino Novo, Lingüista da TVG.

No ámbito policial, cambia a cousa. A Nécora é o primeiro e un dos maiores golpes contra o narcotráfico. Foi nos 90

"Nécora está vencellado ao lugar onde se produciron os feitos, que é moi coñecido polo seu marisco. Podía chamarse 'Verano Azul' ou podía chamarse...", aclara Carlota Bellas, Garda Civil da EMUME da Coruña

Nomes moitas veces aleatorios, outras máis sisudos.

"Segundos nomes, nomes coloquiais, ... Faise moito uso de termos do latín, científicos, referencias mitolóxicas, películas, unha canción, ...", engade a garda civil. 

Tirando de cultura xeral, arrancou a operación PEITO.

"É unha parte do noso corpo, do tórax. Simboliza tanto o cariño como a valentía", define Novo.

"Tivemos unha operación que deuse por chamar Peito e facía referencia ás vítimas do delito, que eran mulleres que se adicaban á prostitución e neste caso, Peito era a deusa grega que protexía ás mulleres que facían aquel tipo de servizos naquela época", desvela a garda civil.

Un cariño ás vítimas, como ocorreu no caso do neno Gabriel. Foi a operación NEMO.

"Era moi forofo do tema do mar e dos peixes. Entón, como era un rapaciño, buscouse unha película infantil na que aparecera un peixe", aclara Bellas.

Tamén había sentimento en Nenúfar, a investigación da morte de Asunta.  

"Unha pranta típica do país de orixe da rapaza que era china e tamén porque é un símbolo da inocencia", engade para outro exemplo.

Cada operación leva o seu nome, pero conforme avanzan, poden cambiar. A busca de Diana Quer arrancou chamándose Prístina.

"Unha cousa prístina é unha cousa orixinal, pura e, por extensión, clara", avanza Paulino Novo

Asi de claro o tiñan pero...

"A medida que o caso se fixo maís longo e que veu a UCO de Madrid para facer apoios, foi cando se lle cambiou o nome a Quercu, que era un acrónimo do apelido da rapaza coas iniciais da vila onde se sucedeu, que era a Pobra do Caramiñal, en castelán Puebla", explica sobre outro dos casos máis mediáticos das historia criminal de Galicia. 

Os acrónimos dan moito xogo. Son indescifrables para quen non está no allo.
Co nome de Zalied, acaban de desartellar unha rede de narcotráfico que tiña como tapadeira unha tenda de zapatillas de luxo na Coruña. 

"Zapatillas Limited Edition. Entón foi Zalied", di Bellas.

O nome só se repite cando hai segundas partes. Pasou con Rocky, na que o detido era un tal Balboa. Houbo moitas vítimas e varias operacións Rocky, con máis entregas que a propia película. Unha vez máis, a realidade superaba a ficción.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade