Volven negarlle a Alfonso Basterra un permiso para sair do cárcere
A xunta de tratamento do penal de Topas, onde cumpre condena pola morte de Asunta, pronúnciase en contra por segunda vez
O xuiz de vixilancia penitenciaria admitira a súa anterior petición para desfrutar dun permiso, pero quedou en suspenso polo recurso presentado pola Fiscalía, pendente de resolver
Alfonso Basterra terá que seguir agardando para poder desfrutar do seu primeiro permiso penitenciario. A xunta de tratamento do centro penal de Topas, en Salamanca, negoulle esta posibilidade este xoves, o mesmo que fixera hai xa dous meses.
Basterra cumpre 18 anos de cadea pola morte da súa filla Asunta en 2013. Un crime polo que tamén fora condenada a súa muller Rosario Porto, que se suicidou no cárcere de Brieva (Ávila) en 2020.
A Fiscalía considera que Basterra non está a cumprir as condicións necesarias para acollerse a este beneficio penitenciario, tanto pola súa evolución no cárcere como polo feito de que nunca admitiu a súa culpabilidade e negou os feitos que se lle imputan. O ano que ven cumprirá as tres cuartas partes da condena.
O xuiz de vixilancia penitenciaria admitira a súa anterior petición para desfrutar dun permiso, pero quedou en suspenso polo recurso presentado pola Fiscalía, pendente de resolver.