Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous anos de cárcere por agredir un home e proferir insultos racistas nunha discoteca de Betanzos

Dous anos de cárcere por agredir un home e proferir insultos racistas nunha discoteca de Betanzos

Ademais da pena de prisión, imponlle o pago dunha indemnización á vítima de 3.000 euros e ao servizo de saúde, de 513 euros

G24.gal 18/02/2026 17:36

Na Coruña,  condenan a dous anos de cárcere un acusado de agredir un home no interior dunha discoteca de Betanzos tras proferir insultos racistas e aludir "constantemente á cor da súa pel.

O xuíz considérao autor dun delito de lesións, coas agravantes de abuso de superioridade e de cometer o delito por motivos racistas. Ademais da pena de prisión, imponlle o pago dunha indemnización á vítima de 3.000 euros e ao servizo de saúde, de 513.

Así mesmo, considera acreditado que sobre as 03.30 horas do 29 de maio de 2022, o acusado dirixiuse ao prexudicado impedíndolle saír dos baños do local e proferindo insultos racistas.

A continuación, facendo uso  da superioridade numérica, o condenado, xunto con dous acompañantes non identificados, "comezou a golpealo, de xeito que mentres uns o agarraban, outros dábanlle puñadas na cara".

Finalmente, cesaron a agresión cando o encargado de seguridade se deu conta da disputa que había no interior do baño e puxo fin á mesma. Como consecuencia dos feitos, a vítima sufriu varias lesións, entre elas a rotura de tres dentes.

Agravante de racismo

O xuíz indica que aprecia a circunstancia agravante de cometer o delito por motivos racistas polas expresións que dixo mentres cometía a agresión. En canto ao agravante de abuso de superioridade, explica que "foron varios (polo menos tres) os agresores fronte a unha soa persoa, o que evidencia unha superioridade manifesta que foi aproveitada polo acusado".

"Á vista da proba, estimo acreditados os feitos porque non se aprecia motivo espurio algún para que o denunciante sinale o acusado como o seu agresor. Levando en España pouco máis de 10 días e sen un previo coñecemento do mesmo, non se albisca razón algunha pola que quixese prexudicalo", subliña o titular do Xulgado do Penal número 3 da Coruña.

A iso engade que a súa versión está corroborada pola testifical da súa curmá e unha amiga, así como polo feito de que os cotobelos do acusado tiñan feridas e que as lesións da vítima son compatibles con puñadas.

Doutra banda, o xuíz ordena que se deduza testemuño por se as declaracións dun amigo do acusado e o dono do local fosen constitutivas dun delito de falso testemuño en causa criminal. A sentenza non é firme, xa que cabe presentar recurso ante a Audiencia Provincial da Coruña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade