Veciños de Santiago conseguen pechar un piso en que se exercía a prostitución
A sentenza podería establecer un precedente legal para a clausura de narcopisos e outros negocios ilícitos
En Santiago, unha comunidade de veciños da rúa Concepción Arenal logrou unha resolución xudicial favorable para o peche dun piso onde se exercía a prostitución.
A sentenza podería establecer un precedente legal para a clausura de narcopisos e outros negocios ilícitos na capital.
O caso remóntase ao ano 2023, cando o colectivo veciñal presentou unha demanda reclamando a clausura do inmoble e o cese da actividade ilícita alegando que supuña un risco para a súa seguridade.
A través do informe dun detective, os veciños deixaron constancia dos frecuentes conflitos provocados polos clientes. Unha situación que, sumada a un posterior altercado entre a parella que dirixía o piso, levou o xuíz a aprobar unha medida cautelar para o peche da propiedade.
Dende entón as partes acadaron un acordo mediante o cal a clausura do piso pasa a ser definitiva e o seu propietario asume os máis de 9.000 euros investidos polos veciños para levar adiante a causa.
É precisamente a través desa lei que outras comunidades de veciños do centro de Santiago poderían atopar unha vía para acabar con negocios ilícitos instalados nos seus edificios.
No caso dos propietarios, as sancións contemplan a perda do dereito a uso da vivenda por ata tres anos. Se o infractor é un inquilino, o contrato de alugueiro pode declararse extinto.
A fin de informar a posibles afectados, a letrada encargada do recente caso e a asociación veciñal Raigame celebrarán unha charla explicativa da lei o vindeiro 5 de marzo.