Recollen o 75 % do aceite de palma vertido no porto de Vigo
Esta mesma mañá reuniuse a comisión de coordinación da APV para facer seguimento do estado da emerxencia
A vertedura atópase totalmente confinada na zona de San Enrique
O aceite da vertedura en Vigo chega ás praias de Moaña, aínda que non é tóxico
A Autoridade Portuaria de Vigo informa que xunto os servizos de Gardacostas da Consellería do Mar e da Consellería de Medio continúan traballando desde que se declarou a emerxencia tras a vertedura de aceite de palma ocorrido o pasado xoves no peirao de Guixar.
Esta mesma mañá reuniuse a comisión de coordinación da APV para facer seguimento do estado da emerxencia e dos avances dos traballos de limpeza. A vertedura atópase totalmente confinada na zona de San Enrique, onde se despregaron barreiras configurando 3 aneis de seguridade que garanten un cerramento totalmente hermético.
Así mesmo, na zona de Guixar-Arenal, despregouse outra barreira anticontaminación no lugar no que ocorreu o accidente, para garantir que os labores de limpeza e mantemento se realicen coa máxima seguridade. Os labores de recollida e limpeza en San Enrique están a realizarse coa colaboración de dous guindastres que traballan tanto de día como de noite co obxectivo de reducir o tempo de intervención, mentres que en Guixar continúan os labores de limpeza do peirao.
Ata o mediodía de hoxe domingo, o dispositivo de limpeza logrou recoller un 75% da vertedura.
A Policía Portuaria está a levar a cabo inspeccións diarias de toda a costa da ría tanto á primeira hora da mañá como da tarde, informando no caso de que se detecte algunha galleta dispersa para proceder á súa recollida coa embarcación Pelícano.
Ao mesmo tempo, e tras ser declarado o pasado xoves o Plan Camgal en nivel 1, continúan os labores de limpeza na praia da Borna, en Moaña, por parte do persoal de Tragsa e da Consellería de Medio, xunto ao servizo de Gardacostas pertencente á Consellería do Mar.