Os termómetros rozan este venres os 38 graos en Ourense e no interior de Pontevedra
Segundo a predición de Meteogalicia, a calor continuará este sábado, cunha máxima de 38 graos en Ourense
A Xunta rebaixa a nivel laranxa a alerta por calor no interior da provincia de Pontevedra para este sábado
Adrián Irago / Europa Press
Os termómetros rozaron este venres valores próximos aos 38 graos, nunha xornada en que está activada a alerta vermella por episodio de calor no interior da provincia de Pontevedra e na de Ourense, e alerta laranxa no noroeste e interior da provincia da Coruña.
As previsións, por tanto, confirmáronse, e os termómetros alcanzaron, segundo os datos rexistrados por Meteogalicia, os 37,7 graos na cidade de Ourense, e os 37,5 graos no municipio ourensán da Arnoia e na localidade pontevedresa de Salvaterra. Outros puntos como O Porriño ou Ponteareas superaron tamén os 37 graos.
Mesmo en zonas do litoral os valores foron elevados desde primeira hora da mañá, próximos aos 28 e 29 graos en lugares como Baiona ou Vilanova de Arousa antes das 10.30 horas (e máis altos en horas posteriores).
Deste xeito, as temperaturas superaron este venres os valores máximos rexistrados o xoves, cando oscilaron entre os 34,7 graos de Ourense e os 34,2 de Ponteareas.
A calor continúa este sábado
Segundo a predición de Meteogalicia, a calor continuará este sábado, cando se esperan ceos practicamente despexados ou con nubes altas, que evolucionarán ao longo das horas co crecemento de nebulosidde no interior, que podería dar lugar a chuvascos treboentos.
Os termómetros marcarán valores similares aos deste venres. Así, espérase unha máxima de 38 graos en Ourense, e o resto de Galicia oscilará entre os 33 graos previstos en Santiago ou Lugo, e os 30 graos previstos na Coruña.
Igualmente que fixemos onte, hoxe achegamos o mapa das máximas rexistradas. Destacan #Ourense Estacións 37.8ºC e de #Meder #SalvaterraDoMiño e #AGanxa #Ponteareas con 37.7ºC
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) June 12, 2026
Mañá falaremos novamente de calor pero tamén de treboadas, sobre todo nas zonas altas de #Lugo e #Ourense pic.twitter.com/MgrUIZohDQ
Para este sábado está activado o aviso amarelo por calor nas horas centrais do día nas áreas regadas polo Miño en Ourense e Pontevedra, na comarca de Valdeorras e no sur de Lugo. Tamén está activo o aviso por treboadas nas zonas de montaña de Ourense e Lugo.
No marco do plan de actuacións da Xunta fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, este sábado rebaixarase a actual alerta de nivel 3 (vermello) por episodio de calor na zona interior de Pontevedra e pasará a nivel de alerta 2 (laranxa).
Ademais, segundo os datos enviados por MeteoSaúde e Meteogalicia, o episodio de calor estará o sábado en nivel 2 (laranxa) nas zonas isoclimáticas do interior da Coruña e actívase o nivel 1 (amarelo) nas zonas do oeste da Coruña e suroeste da Coruña.
Con iso, o nivel de alerta laranxa afectará aos concellos de Agolada, Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.
Na Coruña, os afectados serán Ames, Aranga, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, A Capela, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesía, Monfero, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, As Pontes de García Rodríguez, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vilasantar.
O nivel 1 (amarelo) declárase nos concellos de Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo, Zas, Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, O Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois.
A situación de forte calor podería ir remitindo lentamente na xornada do domingo.