Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alerta vermella por calor no interior de Pontevedra e laranxa no noroeste da Coruña: consulta os concellos afectados

Alerta vermella por calor no interior de Pontevedra e laranxa no noroeste da Coruña: consulta os concellos afectados

Nas zonas do noroeste e do interior da Coruña está activa a alerta laranxa por calor

Na madrugada do sábado poderá darse unha noite tropical, ao non descender as temperaturas por baixo dos 20 graos

A Xunta suspendeu a actividade deportiva federada e do programa Xogade en todos os municipios afectados

Cámara situada na casa do concello con vistas xerais de Lalín
G24.gal 11/06/2026 20:40 Última actualización 12/06/2026 14:31

A Xunta de Galicia activou a alerta vermella por calor no interior da provincia de Pontevedra, onde a partir deste venres se esperan temperaturas máximas que superarán os 35 graos.

O nivel 3 de alerta afectará os concellos de Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

Ademais, nas zonas do noroeste e do interior da Coruña declararase o nivel 2 de alerta (laranxa) debido á calor, tamén a partir deste venres.

Segundo MeteoGalicia, as altas presións están localizadas desde este xoves ao norte da península ibérica, achegando aire moi cálido de orixe norteafricana.

A presenza desta masa de aire cálido xunto co ceo moi despexado que propicia a situación anticiclónica farán que as temperaturas ascendan notablemente.

As xornadas con temperaturas máis elevadas serán o venres e o sábado, cando se prevé que as máximas superen os 35 graos en moitos puntos do interior de Pontevedra.

As mínimas aínda serán suaves este venres, pero na madrugada do sábado poderá darse unha noite tropical, ao non descender por baixo dos 20 graos.

A situación de forte calor podería ir remitindo lentamente na xornada do domingo.

Debido a esta situación de alerta, a Xunta decidiu suspender a actividade deportiva federada e do programa Xogade en todos os municipios afectados por esta alerta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade