A Xunta activa para este luns a alerta amarela por calor en Valdeorras
Os concellos afectados son O Barco, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín, onde poderían superar os 36 graos
A Xunta activou para este luns a alerta amarela por episodio de calor na zona isoclimática de Valdeorras, no marco do plan de actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde.
Segundo informa o Goberno galego nun comunicado, os concellos afectados son: O Barco, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín. Nalgúns puntos, as temperaturas poderías superar os 36 graos.
De acordo coas previsións de Meteogalicia, as altas presións situadas ao norte da península ibérica atraerán unha masa de aire moi cálida procedente do norte de África que estará sobre a comunidade ata o mércores.
Recomendacións
As autoridades lembran que a exposición a temperaturas excesivas pode provocar mareos, cansazo, debilidade, fatiga, cambras musculares, síncopes, deshidratación, insolación e golpes de calor.
A Consellería de Sanidade lembra a necesidade de beber máis líquidos sen agardar a ter sede; evitar as comidas copiosas e utilizar roupa de tecidos naturais, lixeira e de cores claras.
Tamén recomenda usar chapeu, lentes de sol, crema de protección solar, calzado fresco e permanecer en espazos ventilados ou climatizados e buscar a sombra.