O xamán de Porto do Son, investigado pola Audiencia Nacional
A Policía Nacional mantén o mutismo porque a operación está aberta e podería haber máis detencións
A causa adquire gravidade, xa que este Tribunal ocúpase de delitos de terrorismo ou de crime organizado
A sorpresa en Queiruga vai a máis, despois de saber que o seu veciño declarará na Audiencia Nacional, o xulgado que instrúe causas como terrorismo ou crime organizado. Por que? Non se sabe.
A Policía Nacional dará os detalles a semana que vén porque, de momento, a operación segue aberta e non se descartan detencións mesmo noutros puntos de España, o que levaría a pensar nunha organización criminal. 
Entenderíase así o forte dispositivo policial.
"Había de vinte a trinta coches de policía, tres furgóns grandes e despois coches pequenos", confirma unha testemuña.
Parte deses coches eran da GOIT, a unidade da policía especializada en entrar en recunchos complicados, e desmantelar zulos ou caixas fortes. Descoñécese que sacaron da casa.
"Comisaron caixas e cousas polo estilo, que serían das súas cousas", aventura outro veciño.
Había chismes. Tampouco moitos.
"Eu escoitara a moita xente falar diso, que o home facía maxia negra, que tiña círculos satánicos e cousas polo estilo", engade o mesmo mozo.
Maxia negra, a maxia mala, a contraria á de santeiros e curandeiros, a dos feitizos para facer dano. Nunca tal cousa imaxinaran.
"Non saían para nada nin se relacionaban con ninguén".
"Eu nin sabía o que era un xamán. Na miña vida escoitei tal cousa".
Xamáns, bruxos ou santeiros, habelos hainos.
"Cobráranlle 25.000 euros por eses supostos servizos de curación e, a medida, que vían que non se solucionaba o problema que tiñan, íaselle cobrando máis cartos", explicaba hai uns anos Manuel Arias, portavoz de la Policía Nacional en Lugo
Este de Lugo foi dos máis soados: sacoulles case 60.000 euros a tres persoas nunha situación crítica.
Peor foi outro de Ourense. Non quería cartos. Quería sexo e enganou nove adolescentes facéndolles crer que namorarían o compañeiro que lles gustaba.
Recentemente, este mesmo verán detiñan un veciño de Arbo por farsas similares. Fronte a este tipo de enganos...
"No momento de acudir a calquera tipo de cura ou solución, buscar xente formada e que realice a súa actividade de maneira legal", advirte Arias.
Nin curandeiros nin milagreiros. Son estafadores sen escrúpulos que fan do mal alleo o negocio propio.
 
         
                
                
				   
             
    
         
                .png) 
    
         
    
         
    
         
            
                 
            
                 
            
        