Cae un grupo que usaba carnés roubados para estafar en bancos
Trinta estafas ou intentos en 34 días: en Tomiño conseguírono pero o mesmo día caeron no Porriño
O líder levaba enriba os 6.000 euros que conseguiran en Tomiño e 60 carnés roubados en Cataluña
Trinta estafas ou intentos de estafa en só 34 días en oficinas de tres entidades bancarias. Sempre a mesmas Curiosamente, ninguén denunciara. Ata que no Porriño saltou a lebre... e caeron.
"Preséntase unha muller nunha sucursal no Porriño solicitando a retirada de 49.600 euros dunha conta bancaria, presentando un DNI que lle resulta sospeitoso a un dos empregados da sucursal", destaca Manuel González, Policía Xudicial da Garda Civil de Vigo.
En Tomiño tiveran máis sorte. Esa mesma mañá conseguiran retirar 6.000 euros da sucursal do mesmo banco. Sumado a outras enganos que lles saíran ben levaban un botín de 49.000 euros, e sen intención de parar. As mulleres eran as que daban a cara. Unha entraba no banco e a outra esperaba fóra. Eran traballadoras a soldo dunha terceira persoa.
"O varón é o líder dun grupo criminal que capta, como nós lle chamamos, 'mulas' que se dedican a substraer eses DNI, eles paga por eses carnés 50 ou cen euros. Despois capta estas mulleres, seguramente polo seu estado de necesidade, para entrar a cara descuberta aos bancos porque el nunca se ve", engade González.
No coche, un Skoda branco, levaba aínda os 6.000 euros da última fazaña e tamén 60 carnés. Todos roubados en Cataluña, e cun mesmo perfil.
"Todos son de mulleres moi parecidas entre elas. Son de mediana idade, duns 30 ou 40 anos, con rostros normais. Temos 60 DNI que intervimos e estamos investigando de onde procede. Un deles xa sabemos que foi nun robo con violencia a unha persoa que ía paseando por Barcelona", explica o membro do equipo que dirixe a investigación.
Atravesaron a península de leste a oeste, facendo paradas. Agora levaban un tempo xa asentados aquí en Galicia, sobre todo, na provincia de Pontevedra.
"Aquí tentaron alomenos cometer estafas en Salceda de Caselas, Lalín, Vilagarcía, no Porriño, en Mos...", confirma Manuel González.
O líder da banda ingresou en prisión. As dúas mulleres quedaron en liberdade con cargos. Suponse que sen el dirixindo non son un perigo, pero a investigación segue aberta e non se descartan máis detencións.