Tres detidos en Galicia por tentar estafar bancos en media España co DNI doutras persoas
A Garda Civil detivo tres persoas en Porriño e Mos como presuntas integrantes dun grupo criminal dedicado á comisión de estafas mediante a usurpación de estado civil en entidades bancarias de media España
A operación saldouse coa intervención de 60 documentos nacionais de identidade orixinais, máis de 6.000 euros en efectivo e diversas pezas de vestir utilizadas nos delitos
Garda Civil/Ministerio do Interior
A Garda Civil detivo tres persoas nas localidades pontevedresas do Porriño e Mos como presuntas integrantes dun grupo criminal dedicado á comisión de estafas mediante a usurpación de estado civil en entidades bancarias de media España.
A operación, segundo informa o instituto armado, saldouse coa intervención de 60 documentos nacionais de identidade (DNI) orixinais, máis de 6.000 euros en efectivo e diversas pezas de vestir utilizadas nos delitos.
Foi o pasado 3 de marzo cando os traballadores dunha sucursal bancaria do Porriño alertaron aos axentes da Garda Civil ante a actitude sospeitosa dunha muller que solicitara a retirada de 49.600 euros dunha conta, e ante as incongruencias que percibiron entre a documentación achegada e os datos que constaban no sistema da entidade.
Grazas ao aviso, estableceuse un dispositivo de vixilancia na sucursal e a súa contorna que permitiu á Garda Civil observou como dúas mulleres actuaban de maneira coordinada: mentres unha accedía ao banco para tentar retirar do diñeiro, a outra esperaba nun establecemento próximo.
Ambas foron detidas tras un cacheo preventivo no que se lles interviñeron varios DNI e documentación bancaria de terceiras persoas ocultos entre as súas pertenzas.
Máis tarde, os axentes determinaron que as dúas detidas actuaban en conivencia cun terceiro individuo, que foi localizado e detido o pasado 5 de marzo nun establecemento de Mos.
O terceiro implicado utilizaba un vehículo alugado para trasladar ás mulleres ata as proximidades das sucursais bancarias e, presuntamente, sería o líder da organización.
No rexistro do vehículo acháronse ocultos 60 DNI orixinais de diferentes persoas, varios extractos bancarios, un permiso de conducir e 5.500 euros en efectivo.
Parte deste diñeiro podería corresponder aos 6.000 euros retirados de maneira fraudulenta nunha sucursal de Tomiño o mesmo día das detencións.
As investigacións permitiron vincular os detidos cunha trintena de delitos, uns consumados e outros en grao de tentativa, cometidos nun período de 34 días en localidades como Móstoles (Madrid), Albacete, Barcelona, Benavente (Zamora), A Coruña, Ourense e diversas poboacións da provincia de Pontevedra (O Porriño, Tomiño, Mos, A Guarda, O Grove, Ponteareas, Lalín, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Vilagarcía e Redondela).
En concreto, impútaselles a autoría de tres estafas consumadas que ascenden a un total de 49.000 euros subtraídos de contas bancarias mediante a presentación de DNI falsificados ou subtraídos.
Ademais, atribúeselles 19 intentos de estafa noutras tantas oficinas de diferentes entidades, chegando a tentar defraudar unha cantidade próxima aos 100.000 euros, operacións que non chegaron a materializarse grazas á intervención policial.
Os detidos, con residencia habitual en Cataluña e con numerosos antecedentes por feitos de similar natureza, foron postos ao dispor do Tribunal de Instancia Sección Civil e de Instrución número 2 do Porriño, xunto coas dilixencias instruídas, que decretou o ingreso en prisión do home e as dúas mulleres en liberdade con cargos.
A operación continúa aberta, polo que non se descartan máis detencións.