Publicador de contidos

Publicador de contidos

Suspendido na Audiencia Provincial de Lugo un xuízo por estafa na compra de coches

Suspendido na Audiencia Provincial de Lugo un xuízo por estafa na compra de coches

Faltou un dos nove acusados, que presuntamente se lucraron con máis de 400.000 euros por parte de 37 vítimas

Ao xuízo acudiron oito dos acusados e un total de trece letrados
Félix Aragunde. Imaxe: Afonso G. Novoa. 10/03/2026 13:36

A Audiencia Provincial de Lugo acordou a suspensión do xuízo a nove persoas acusadas de estafar máis de 400.000 euros na venda de coches de alta gama. A incomparecencia dun dos imputados levou a tomar esta decisión, nunha causa que xa fora adiada en 2024 pola falta xustificada dun avogado.

Segundo o escrito da acusación, os feitos ocorreron entre 2015 e 2016, e foran denunciados por un total de 37 vítimas en todo o ámbito estatal. Presuntamente, os membros da rede, con base en Sarria, ofertaban en diferentes páxinas uns vehículos que lles entregaban aos compradores cunhas características diferentes ás pactadas ou que, directamente, non chegaban a entregárllelos nunca.

"Provocaban o engano con fotografías dos vehículos e con datos técnicos, e os compradores adiantaban o diñeiro. Unha vez pagados os cartos, xa non recibían contestación. Cortaban todo tipo de comunicación e os vehículos nunca aparecían", explica Luis Rodríguez Gago, avogado dunha das vítimas de estafa. 

"A maior parte están acusados polas estafas cometidas, e logo algún porque prestaron as súas contas para branquear os cartos que ían recibindo dos afectados", engade Francisco José Pérez González, tamén letrado da acusación particular

"O meu cliente, polo traballo que desenvolve, viuse inmiscido nunha trama da que non formaba parte. Non vendía coches, non participaba nesas vendas, e simplemente facía un labor de asesoría fiscal", argumenta Alba López, avogada da defensa

"Ela o único que fixo foi que se utilizase unha conta bancaria súa para ingresar os cartos que procedían, de forma ilícita, desta compravenda de vehículos", agrega José Manuel López, letrado doutra acusada. 

A Fiscalía pide para os acusados un total de 69 anos de cadea. De non se suspender de novo, o xuízo celebrarase o vindeiro mes de xuño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade