Condenado a 2 anos de cárcere por agresión sexual a unha menor á saída dunha discoteca en Lalín
A sentenza non é firme e pode recorrerse ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
Imaxe da Audiencia Provincial de Pontevedra (Arquivo)
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a dous anos de prisión un home por agredir sexualmente unha menor á saída dunha discoteca en Lalín en 2022. Ademais, impónselle o pago dunha indemnización de 25.000 euros á vítima.
Segundo os feitos probados, o condenado coñeceu a denunciante nunha discoteca e desde alí dirixíronse ao portal dunha vivenda próxima, onde de común acordo comezaron a bicarse.
A vítima díxolle ao agresor que parase
Nun determinado momento, o home desabrochoulle o pantalón, ante o cal a menor lle dixo que parase porque "non quería nada máis".
Minutos despois, o agora condenado, "con ánimo de atentar contra a liberdade sexual" da vítima, "comezou a introducir os seus dedos na vaxina desta, momento en que, para vencer a súa resistencia, pois continuaba dicíndolle que parase, a agarrou polo pescozo cunha man e empuxouna contra a parede, golpeándose ela a cabeza, e mentres lle apertaba con forza a garganta, continuou introducíndolle os seus dedos na vaxina, tocándolle tamén as tetas e o cu", relatan os feitos probados do ditame.
O tribunal considera que o relato da vítima foi "fiable e verosímil" e que este, xunto co resto das declaracións de testemuñas e peritos, proba o delito cometido polo acusado.
A sentenza non é firme, xa que é recorrible ante o TSXG. O acusado ingresou en febreiro de 2026 a suma de 20.000 euros como reparación do dano causado á denunciante.