Javier Gestido, patrón do Tafra 3: "Foi moi rápido, non deu tempo a nada"
"En cinco minutos que o perdes de vista, veu enriba", explica á súa chegada a Vigo o patrón do arrastreiro afundido en augas de Mauritania abordado por un buque factoría

Javier Gestido, o patrón do Tafra 3, chegou finalmente este venres ao aeroporto de Vigo. O tripulante do arrastreiro afundido hai unha semana en augas de Mauritania, logo de ser abordado, explicaba en Peinador que no momento do accidente "todo foi moi rápido, non deu tempo a nada".
Sobre o ocorrido Gestido remítese ás imaxes gravadas do momento no que o buque factoría Right Whale, de bandeira de Gambia e capital ruso, bate contra o seu arrastreiro. "Iso vese nas imaxes, está aí todo, pouco podo engadir".
Javier Gestido explica que o seu barco estaba facendo unha manobra de recollida do aparello e que viran o outro buque, e que "en cinco minutos que o perdes de vista, veu enriba".
"Estabamos parados, practicamente", engadiu, despois de insistir en que "non deu tempo a nada".
O patrón do Tafra 3 di "non teño unha explicación" sobre o que puido ocorrer, e remítese á investigación das autoridades mauritanas coas que están colaborando, "están investigando que é o que fixeron para vir abordarnos, pero non se sabe".
Desde a empresa armadora, a súa representante, Claudia Martínez, lamentaba "non ter ningunha noticia de como está funcionando a investigación alí, nin se están detidos ou retidos [os tripulantes do outro buque]".
"O que si sei é que os nosos dous patróns están aquí, e iso é un sinal de algo", aseguraba, deixando claro que non tiveron responsabilidade nese accidente.
"Todos necesitamos un momento de dó, están sendo momentos moi duros", dicía Martínez, claramente emocionada.
Respecto aos cinco mariñeiros mauritanos desaparecidos, este xoves as autoridades do país anunciaban que finalizaban as operacións de busca e, en consecuencia, dábanos por mortos.