Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha abordaxe dun barco tres veces maior foi a causa do afundimento do arrastreiro galego Tafra 3

Unha abordaxe dun barco tres veces maior foi a causa do afundimento do arrastreiro galego Tafra 3

Os dous galegos da tripulación están a salvo pero hai cinco mauritanos desaparecidos

G24.gal 15/09/2025 14:42 Última actualización 15/09/2025 20:18

Abordouno por estribor e arrastrouno durante case dous minutos.

As imaxes da cámara de seguridade do barco Lituano non deixan lugar a dúbidas.

O choque do Right Whale contra o Tafra 3 só podía acabar cun afundimento.

Os capitáns dos dous pesqueiros foron arrestados en Mauritania para prestar declaración ante as autoridades que investigan o suceso.

Dos 26 tripulantes que levaba a bordo o pesqueiro galego Tafra 3, cinco mariñeiros mauritanos permanecen desaparecidos. Outros 21 de distintas nacionalidades foron rescatados por outros barcos que traballaban na zona. 

Entre eles están os dous galegos que ían a bordo, dous patróns de Marín, Javier Gestido Piñeiro e José Manuel Diz García. Os dous están ben, malia que durante o naufraxio un deles levou un golpe na cabeza. E posiblemente poderán volver a casa esta mesma semana.

Entre os rescatados hai sete feridos, un deles de gravidade.

Un avión da Garda Civil sumarase aos labores de busca dos desaparecidos. 

Acosado por un buque tres veces máis grande

O Tafra3 é un arrastreiro propiedade dunha sociedade mixta na que participa unha empresa de Vigo, Baipesca. O barco foi abordado en mar aberto por outro pesqueiro, un buque lituano tres veces máis grande, que lle abriu unha enorme fenda nun costado.

O Tafra afundiuse en poucos minutos con 26 homes a bordo. Cos primeiros datos sobre a mesa, os armadores de Vigo cren que o accidente pode ser a consecuencia "do acoso" que, din, sofre a frota galega en determinados mares.

"En varios países africanos nestes momentos estamos a levar unha loita desigual", afirma o presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo, Javier Touza. "Hai barcos moi grandes, sen ningún tipo de control, que fan manobras perigosas e incumprindo moitas veces as normas da seguridade marítima internacional".

David contra Goliat

As autoridades marítimas de Mauritania están a investigar as circunstancias do caso. As noticias que chegan dende alí din que xa lles tomaron declaración aos responsables dos dous barcos e que o capitán do pesqueiro lituano, con bandeira de Gambia, quedou retido. Dende Galicia, a Cooperativa de Armadores de Vigo pide que os organismos internacionais tomen medidas para evitar máis incidentes como este.

"Evitar que no futuro poida producirse este tipo de acoso de grandes barcos. Estamos falando dun buque de máis de cen metros de eslora e o noso trinta e cinco. Non houbo o máis mínimo tempo de reacción, partiuno en dous", asegura Javier Touza, o presidente de Arvi.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade