Arrestan os capitáns dos dous pesqueiros que colidiron en Mauritania
Os dous mariñeiros galegos do buque afundido, o Tafra 3, recupéranse en terra
A armadora viguesa, copropietaria do pesqueiro, tenta axilizar a súa repatriación
Cinco tripulantes do pesqueiro, de orixe mauritana, continúan desaparecidos
Os capitáns dos pesqueiros Tafra 3 e 'Right Whale que bateron este venres en augas de Mauritania foron arrestados polas autoridades do país magrebí no marco dunha investigación xudicial, confirmou este domingo a EFE unha fonte da garda costeira mauritana.
A mesma fonte indicou que proximamente se iniciará unha investigación técnica para determinar as causas do incidente no que afundiu o buque vigués Tafra 3, de bandeira Mauritana, con 26 tripulantes a bordo.
O golpe co buque factoría de capital ruso e pavillón de Gambia deixoulle unha enorme fenda. Tras o choque, outros barcos que se atopaban na zona conseguiron rescatar 21 mariñeiros de diversas nacionalidades, entre eles dous galegos.
Son o patrón e o patrón de costa, que están fóra de perigo. Un deles, veciño de Bueu, recupérase dun forte golpe na testa. Segundo a súa familia, contou que o afundimento foi moi rápido, que o barco estaba a manobrar o aparello, cando se produciu un forte impacto.
Os mariñeiros galegos puideron salvarse, así como outro español e dezaoito persoas máis. Pero hai cinco desaparecidos de ascendencia mauritana.
"Seguimos tentando colaborar coa armadora, coas familias, coas tripulacións, na localización dos cinco desaparecidos mauritanos. Temos varios galegos a bordo, pero están en bo estado", confirmaba o presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo, Javier Touza.
Dende os armadores vigueses denuncian a situación de acoso na que traballan os barcos galegos.
"Temos que revisar estes protocolos internacionais. Non podemos seguir mantendo e arriscando a seguridade das nosas tripulacións e buques con acosos de grandes buques factoría rusos e turcos", alerta Javier Touza.
Na armadora viguesa copropietaria do pesqueiro afundido aseguran estar consternados pola desaparición dos cinco mariñeiros e están tentando, co consulado español en Mauritania, axilizar a repatriación dos mariñeiros españois.
A fonte da garda costeira mauritana indicou que a operación de procura dos desaparecidos non cesou e que pronto contará co apoio dun avión da Garda Civil española.