Deteñen cinco novos sospeitosos do roubo de xoias no Louvre
Os investigadores teñen probas de ADN que vinculan un dos detidos o mércores á noite co roubo
As xoias seguen sen aparecer e a fiscalía di que o Louvre non tiña cámaras abondo para vixiar o seu perímetro
Os dous arrestados o pasado sábado están xa en prisión preventiva tras recoñecer parcialmente a súa participación no golpe
Cinco novos sospeitosos foron detidos na investigación polo roubo das xoias do Louvre, entre eles un dos posibles catro ladróns do comando que levou a cabo o golpe, informou este xoves a fiscal de París Laure Beccuau nunha entrevista coa radio RTL.
Os cinco foron arrestados simultaneamente en París e os seus arredores, concretamente no departamento 93 (Seine-Saint-Denis), ao redor das 21:00 horas do mércores, precisou a fiscal.
"Un dos detidos onte á noite era obxectivo dos investigadores, que teñen probas de ADN que o vinculan co roubo. Era un dos sospeitosos que tiñamos no punto de mira”, engadiu. Sinalou que os outros catro detidos este mércores poden achegar información sobre como se desenvolveu o roubo.
Os arrestos producíronse a mesma noite en que os dous arrestados o pasado sábado, que recoñeceron parcialmente a súa participación no golpe, foran imputados formalmente polo xuíz instrutor do caso por roubo organizado e conspiración para delinquir e ingresaron en prisión preventiva, anunciou a Fiscalía de París.
As probas de ADN recollidas cadran cun dos cinco detidos este mércores e cos dous detidos o domingo pasado
Os dous homes, duns trinta anos, admitiron parcialmente os feitos, explicou Beccuau nunha conferencia de prensa o mércores pola tarde. Sospéitase que foron eles os que entraron na Galería de Apolo para roubar as xoias, precisou.
A fiscal engadiu que nada nesta etapa suxire que os autores tivesen cómplices dentro do museo. Con todo, os investigadores non descartan a posibilidade de que se trate dun grupo moito maior que os catro autores identificados polas cámaras de vixilancia, afirmou.
Beccuau puntualizou que as xoias aínda non foron recuperadas, pero declarou que manteñen a esperanza de que sexan atopadas e devoltas ao Museo do Louvre.