Publicador de contidos

Publicador de contidos

Encapuchados rouban xoias no Museo do Louvre e perden unha coroa na fuxida

Encapuchados rouban xoias no Museo do Louvre e perden unha coroa na fuxida

O roubo produciuse contra as 09:45 da mañá deste domingo. En sete minutos  levaron nove xoias  da Sala Apolo.

Os ladróns chegaron en moto, entraron pola zona que está en obras. Subiron ao primeiro piso cun montacargas e accederon por unha xanela tras racharen o vidro. Na fuxida perderon unha coroa da emperatriz Eugenia de Montijo con 1354 diamantes e 56 esmeraldas

A vulnerabilidade do museo máis visitado do mundo: outros roubos no Louvre

 

 

Chegada da policía ao museo do Louvre. Foto: Reuters/Gonzalo Fuentes
G24.gal 19/10/2025 11:58 Última actualización 19/10/2025 21:12

Na mañá deste domingo, o Museo do Louvre de París abría con todo disposto para recibir os miles de turistas que acoden a diario á pinacoteca máis visitada do mundo.

Non foi a apertura agardada. Segundo as primeiras informacións filtradas á prensa, contra as 09:45 horas desta mañá uns ladróns roubaron xoias por un valor aínda sen estimar.

Axiña saía a ministra de Cultura informando do acontecido na súa conta persoal da rede social X. 

"Esta mañá produciuse un roubo na apertura do Museo do Louvre. Non se rexistraron feridos. Atópome no lugar canda o persoal do museo e a Policía. As investigacións están en curso", escribía Rachida Dati.

A Fiscal de París, Laure Beccuau explicaba esta tarde que un grupo de homes se achegara en moto ao lateral do Louvre que está á beira do río Sena, no que se estaban realizando obras, e utilizaron un montacargas para subir ata a primeira planta e romper as xanelas, o que lles permitiu penetrar no interior. Posteriormente tiveron que rachar dúa vitrinas, unha coñecida como a dos diamantes e a outra con xoias do Segundo Imperio.

 

Xanela pola que entraron os ladróns na sala Apolo do Louvre, segundo o ministro do Interior. Foto: Reuters/ Gonzalo Fuentes

Unha vez co botín, saíron polo mesmo lugar e fuxiron nas motos

Os ladróns saíron polo mesmo lugar que entraron e fuxiron nas mesmas motos.

A policía evacuou o patio de entrada ao museo na pirámide e ao lugar dos feitos acudiu tamén o ministro do Interior, Laurent Núñez.

Segundo declarou o ministro do interior, o roubo produciuse en sete minutos e os ladróns levaron xoias da galería Apolo do Museo, que teñen "un valor patrimonial e histórico inestimable", sinalou o ministro francés do Interior, Laurent Núnez.

"Teño unha gran confianza en que moi rapidamente atopemos aos autores e sobre todo os bens roubados", declarou Núñez nunha entrevista á emisora France Inter

Nesa entrevista apúntase a que os primeiros elementos parecen indicar que os ladróns fixeran prospeccións previas.

Lateral do Louvre lindante co Sena que está en obras e montacargas que supostamente utilizaron os ladróns. Foto: Reuteras/Gonzalo Fuentes Lateral do Louvre lindante co Sena que está en obras e montacargas que supostamente utilizaron os ladróns. Foto: Reuteras/Gonzalo Fuentes

Os ladróns perderon na fuxida unha coroa, di a ministra de Cultura

A ministra francesa de Cultura, Rachida Dati, dixo que os ladróns perderon na súa fuxida unha das xoias subtraídas, aparentemente a coroa da emperatriz Eugenia de Montijo.

Nunha entrevista á canle TF1 na que se lle preguntaba se se localizara unha coroa, Dati respondeu que "efectivamente se atopou unha xoia que se está avaliando", sen precisar exactamente cal. Posteriormente soubose que era a coroa da emperatriz Eugenia de Montijo, a esposa española do emperador Napoleón III (1852-1870), e que esta peza quedou danada.

É unha coroa que leva 1.354 diamantes e 56 esmeraldas creada para a emperatriz con ocasión da Exposición Universal de 1855, que tras o cambio de réxime á III República, en 1870, foi vendida en 1885 polo Estado francés como unha forma de liquidar o seu pasado monárquico e só volveu á súa propiedade algo máis dun século despois grazas a unha doazón.

Os ladróns tamén levaron unha diadema da raíña María Amelia e da raíña Hortensia; un colar do conxunto de zafiro das mesmas raíñas; un pendente dese mesmo conxunto; un colar de esmeraldas da raíña María Luisa; un par de pendentes de esmeraldas de María Luisa; un broche; unha diadema da emperatriz Eugenia; e un broche da mesma emperatriz.

Botín roubado na Sala Apolo: nove pezas de xoiería

O ministro do Interior non quixo precisar cales son as xoias subtraídas, máis aló de que estaban na galería Apolo, pero Le Parisien indicou que foron nove pezas da colección de xoias de Napoleón e da colección dos reis franceses, incluídos un colar, unha diadema e un broche.

O Louvre é o museo máis visitado do mundo e por el pasaron 8,7 millóns de persoas o ano pasado.

Ante os serios problemas de saturación, cunha estrutura de acollida deseñada nos anos 80 do século pasado –a famosa pirámide–, concibida para 4 millóns de visitantes, o presidente francés, Emmanuel Macron, anunciou en xaneiro un gran proxecto de remodelación.

Ese proxecto inclúe un novo acceso no patio coñecido como Cour Carrée. 

O museo do Louvre é o máis visitado do mundo

"É a nosa Historia", dixo o presidente frances, Emmanuel Macron

O presidente francés, Emmanuel Macron, sinalou que o roubo do Louvre é "un ataque a un patrimonio que apreciamos porque é a nosa historia", mostrouse convencido de que "atoparemos as obras e os autores responderán #ante a Xustiza" e asegurou que se está facendo todo o posible para conseguilo.

O senador comunista Ian Brossat denunciou que o Goberno non fixo caso das advertencias dos empregados do Louvre

O senador comunista Ian Brossat denunciou que o Goberno non fixese caso das advertencias que lanzaran os empregados do Louvre, que o pasado 16 de xuño organizaron unha folga sorpresa para alertar sobre a falta de persoal, sobre todo na seguridade.

Brossat, que se queixou de que a ministra de Cultura pareza descubrir o problema, fixo notar que no últimos cinco anos o persoal do museo reduciuse en 200 persoas.
 

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade