Arrestado un traballador da central de Sabón acusado de roubar na empresa
O detido é o suposto autor dun furto de material de laboratorio por valor de 1.000 euros
O material subtraído. IMAXE: Garda Civil
A Garda Civil do posto principal de Arteixo detivo un veciño desa localidade como presunto autor dun delito de furto na central térmica de Sabón, propiedade de Naturgy.
A investigación comezou o 1 de xullo de 2025 tras o roubo de barras de cobre e tubaxes de aceiro inoxidable na instalación de ciclo combinado.
No mes de xaneiro, arrestaron tres traballadores da empresa como presuntos autores dun delito continuado de furto e outro de pertenza a grupo criminal.
Porén, a Benemérita continuou coas pescudas ao sospeitar que podería haber máis persoas implicadas na desaparición doutro tipo de material.
Material de laboratorio
De feito, constataron a falla de instrumentos de laboratorio, medio cento de matraces, probetas, pipetas, filtros e buretas por un importe superior aos 1.000 euros.
Tras a análise da información solicitada, a Garda Civil logrou identificar o suposto autor dos feitos, un traballador que facía labores de apoio no laboratorio da central.
Unha vez coñecida a identidade, arrestaron o home acusado dun delito de furto e recuperaron os obxectos subtraídos, que se atopaban no seu domicilio.