Evacuada unha menor ao hospital tras un incendio na vivenda familiar en Oleiros
A familia refuxiouse na parte alta da vivenda porque o lume que se orixinou na cociña lles impedía saír
Foron rescatados por un veciño a través dunha xanela
Todos precisaron de asistencia médica, pero só a menor precisou ser trasladada ao hospital
As 8:30 da mañá deste sábado orixinábase un incendio nunha vivenda unifamiliar no concello do Oleiros. A familia refuxiouse na parte alta da casa debido a que o incendio lles impedía saír.
A familia foi rescatada por un veciño a través dunha xanela. Con todo, necesitaron asistencia médica, aínda que só a menor tivo que ser evacuada ao hospital de referencia.
O incendio comezou na cociña, que resultou completamente calcinada, mentres que o resto da vivenda quedou afectada pola acumulación de fume.
Segundo explicaron os Bombeiros de Arteixo, á súa chegada os ocupantes de vivenda, situada na Rúa Trovadores, en Oleiros, conseguiran saír coa axuda dun veciño e xa a menor ía camiño do hospital unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Posteriormente, solicitouse unha segunda dotación médica para atender a un dos adultos, que tiña o pelo queimado, pero o seu traslado non foi necesario.
Unha chamada ao 112 Galicia ás 8:30 horas desta mañá permitiu activar os protocolos de intervención e, polo tanto, a mobilización dos recursos axeitados: Bombeiros de Arteixo, Emerxencias de Oleiros, axentes da Policía Local e Garda Civil e profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.