Extinguidos os incendios de Boborás e Xermade, con case 280 e 36 hectáreas queimadas respectivamente
Extinguidos os incendios de Boborás e Xermade, con case 280 e 36 hectáreas queimadas respectivamente
O outro grande incendio activo, que afecta o concello coruñés de Padrón, está controlado desde este mércores
(Europa Press/Rosa Veiga)
A Consellería de Medio Rural informa de que o incendio de Boborás se deu por extinguido, mentres que o que afecta a localidade de Padrón permanece controlado desde a tarde deste mércores.
Así, ás 23:24 horas deste mércores deuse por extinguido o incendio de Boborás, na parroquia de Moreiras -controlado onte ás 19:23 horas-, onde foi necesario declarar temporalmente a situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación.
O lume prendera ás 21:55 horas do sábado pasado e, segundo as últimas estimacións, afectou finalmente unha superficie de 277,58 hectáreas, das que 210,19 son rasas e os 67,39 restantes de arboredo.
Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, seis técnicos, 38 axentes, 69 brigadas, 46 motobombas, tres unidades técnicas de apoio, catro pas, seis helicópteros e 10 avións.
Por outra banda, ás 20:49 horas do mércores quedaba controlado o rexistrado no municipio de Padrón, na parroquia de Herbón, iniciado o venres pasado ás 16:01 horas e no que tamén se chegou a declarar temporalmente a situación 2.
Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie de 350 hectáreas.
Para traballar na extinción deste lume mobilizouse a sete técnicos, 100 axentes, 136 brigadas, 100 motobombas, 5 pas, 9 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 7 avións.
Extinguido o incendio de Xermade
A Consellería do Medio Rural informou de que ás 13,56 horas deste xoves quedou extinguido o incendio de Xermade, parroquia de Roupar, en Lugo, despois de calcinar 36 hectáreas, 25 de monte raso e 11 de arboredo.
O lume iniciouse ás 14:51 horas do pasado luns. Nas tarefas de extinción participaron, entre outros, sete avións, cinco helicópteros, 21 motobombas, 20 brigadas, 14 axentes, dous técnicos e unha pa.