Controlados os incendios de Padrón e Boborás, segundo informa Medio Rural
No concello coruñés de Padrón a superficie queimada foi dunhas 350 hectáreas
No concello ourensán de Boborás arderon preto de 250 hectáreas
Equipos de extinción nos últimos incendios de Galicia
Medio Rural informou este mércores que xa están controlados os incendios de Padrón e Boborás. Na provincia de Ourense, o incendio de Boborás afectou a zona de monte baixo, nas ladeiras do Paraño, nas parroquias de Feás e Moreiras.
O lume iniciouse coa caída dun raio o venres, nunha zona de imposible acceso terrestre. Durante dous días estivo activa a situación 2 por prevención, por proximidade das lapas á aldea de Vecoña e finalmente quedou controlado.
Na provincia da Coruña, o incendio de Padrón, calcinou unha superficie dunhas 350 hectáreas sendo, polo momento, o incendio máis grave da temporada, chegando a activarse tamén o nivel 2 pola proximidade do lume ás casas.
O incendio de Xermade, en Lugo, xa quedaba tamén este martes baixo control, no que arderon unhas 35 hectáreas.
Lembramos que Medio Rural presentou este martes dúas novas ferramentas, incluídas no Pladiga, que buscarán recortar o tempo entre a recepción da primeira alerta no centro de coordinación e a chegada do primeiro recurso á zona.
Por unha banda, a aplicación móbil Alume, xa dispoñible para a súa descarga tanto en Android como en iOS, e por outro, a integración da Intelixencia artificial (IA) no programa interno de xestión de incendios Xeocode, que permite detectar focos de fume a partir do sistema de cámaras de vixilancia e envía alertas aos centros de coordinación.