Declaran culpables os acusados de matar un excompañeiro de prisión
Os acusados coñeceran a vítima durante a súa estancia na prisión do Pereiro de Aguiar
Segundo a Fiscalía, matárono para quedar coa herdanza da nai
Os nove membros do xurado popular declararon culpables os dous acusados de matar a un expreso ao que coñeceron no centro penal do Pereiro de Aguiar para quedar co diñeiro da herdanza da súa nai.
Considera o tribunal popular que son os autores dun delito de asasinato e doutro continuado de estafa, tal e como solicitaba a Fiscalía.
Despois de día e medio de deliberacións e outros cinco de xuízo, celebrado na Audiencia Provincial de Ourense, o xurado considera os dous homes responsables dese asasinato.
No caso de Francisco Javier González, o xurado declarou a súa culpabilidade por maioría de oito, e por maioría de sete no caso de Óscar González. e rexeitou as atenuantes expostas polas defensas.
Ademais, considerou a ambos os autores dun delito continuado de estafa por unanimidade.
A Fiscalía pide 22 e 23 anos de prisión para cada un dos acusados. As defensas rebaixan a condena a 15 anos, 7 no caso dun deles, por colaborar na localización do cadáver.
Déronlle un golpe na cabeza e agocharon o corpo en Piñor
Os feitos xulgados sucederon en agosto de 2014. A vítima, Fernando Iglesias Espiño, de 63 anos, recluso da prisión ourensá do Pereiro de Aguiar, gozaba dun permiso de fin de semana, ao cumprir a parte final da condena a cincuenta e catro anos de prisión por matar á muller e aos dous fillos, nas Canarias.
Era habitual que estivese cos dous acusados, exconvictos cos que establecera unha relación no presidio. Facíalles traballados nunha granxa, en Maside. Tal era o caso cando, segundo a Fiscalía, os procesados urdiron un plan para matalo e facerse cos vinte e dous mil euros da herdanza que acababa de cobrar.
Déronlle un forte golpe na cabeza, quitáronlle as tarxetas do banco e a documentación, envolveron o corpo nun plástico e soterrárono nunha paraxe de Piñor. Horas despois, xa estaban retirando cartos do banco.
Os acusados, durante o xuízo, negaron o asasinato. Un asumiu que quitou cartos coa tarxeta da vítima. Trátase e Óscar González, que xa cumpriu unha condena por estafa e lle facilitou á Garda Civil a localización do corpo. O outro, Francisco Xavier González, negou todas as imputacións.