Os móbiles serán claves no xuízo contra dous presos acusados de matar a outro
A localización dos teléfonos sitúaos aos tres no lugar onde supostamente se cometeu o crime
Os axentes atribúen o móbil ao roubo dos cartos dunha herdanza
A localización dos teléfonos móbiles será unha das claves no xuízo que se celebra na Audiencia provincial de Ourense contra dous presos do Pereiro de Aguiar acusados de matar un terceiro, durante un permiso penitenciario.
Segundo os axentes que participaron na investigación, os dous acusados empregaron os seus teléfonos e mailo da vítima para artellar coartadas coas que xustificar unha suposta fuxida de Fernando Iglesias Espiño a Portugal, aproveitando un permiso penitenciario. Mentres, aseguran, baleiráronlle as contas: 22.000 euros que acababa de herdar da súa nai.
"Eran coartadas para que, mentres eles sacaban os cartos, manter a liña de que Fernando marchara para Portugal", declara un axente.
A tese dos axentes, e da Fiscalía, é que Iglesias Espiño foi asasinado o mesmo día que saíu de permiso, o 11 de agosto de 2018, entre as once e as once e media da mañá, cando os tres móbiles coincidiron na granxa que rexentaba un dos acusados en Maside. Pensaron, tamén, que alí atoparían o corpo.
"Valoramos que o podían ter queimado e que o fixeran desaparecer alí na granxa. Por que? porque alí había unhas foxas para enterrar os polos", declara o mesmo axente.
O cadáver apareceu finalmente en Piñor, xusto onde dixo un dos acusados, que por iniciativa propia guiou os axentes ata o lugar.
Non recoñecen os feitos
A Fiscalía pide 22 e 23 anos de prisión para cada un dos acusados, por asasinato e estafa. Eles negan os feitos. Ningún recoñece ser o autor do golpe que acabou coa vida do seu compañeiro de presidio, condenado en 1996 polo asasinato da súa muller e dous fillos.