A xuíza declina citar por agora representantes municipais no caso do Saltamontes
Requiren ao Concello de Vigo documentación sobre posibles sancións pola atracción accidentada
O próximo 29 de maio están citados a comisión de festas de Matamá e o seu presidente, Cristian González

A xuíza do Xulgado de Instrución 3 de Vigo declinou investigar representantes do Concello no caso do Saltamontes, a atracción de festa que causou un morto nas festas de Matamá o pasado mes de agosto.
As acusacións particulares que representan a familia do falecido e a muller que o acompañaba presentaran un recurso de reforma para insistir en que o xulgado citase como investigados catro representantes municipais.
Trátase da concelleira de Festas, Patricia Rodríguez, o xefe da área de Seguridade e dous técnicos do Concello que emitiron informes en relación coa atracción.
A xuíza considera prudente agardar ao resultado das declaracións pendentes e outras probas ao "non existir neste momento indicios suficientes de criminalidade" contra esas persoas.
Si aceptou a maxistrada que se libre oficio ao Concello de Vigo para que remita o expediente sancionador incoado, se é que o efectuou, e aclare se se adoptou algunha das medidas legais para prohibir a montaxe da atracción.
O pasado 24 de abril compareceu na Cidade da Xustiza de Vigo en calidade de investigado o dono da atracción que rexeitou ofrecer explicacións en sede xudicial sobre o sucedido o 3 de agosto de 2024.
Aquel día, un dos brazos da infraestrutura metálica do Saltamontes cedeu cando estaba en funcionamento nas festividades de Matamá e, como consecuencia diso, un dos usuarios morreu no accidente.
O falecido, que andaba pola trintena, residía en Vigo e era orixinario do Bolo (Ourense), subira a esa infraestrutura xunto a unha muller que saíu despedida no accidente, pero resultou ilesa.
O próximo 29 de maio está citados polo mesmo xulgado, tamén en calidade de investigados por un presunto delito de lesións, a Comisión de Festas de Matamá, como entidade, e o seu presidente, Cristian González.