A xustiza impide o peche dunha panadería en Vigo
Un veciño denunciara o establecemento, que funciona dende 1940, por ruídos, fume e cinza que cae na súa vivenda
O TSXG supende a orde para non prexudicar os empregados
A Xustiza paraliza a orde de peche dunha panadería no barrio de Teis, en Vigo, para protexer os doce empregados. Un negocio que leva funcionando dende 1940 e que un veciño denunciou porque o fume e a cinza lle condicionan a vida.
O da Panadería Mijallas é dos poucos fornos de leña desta configuración que quedan en Vigo, e estivo a piques de pechar o pasado mes de xuño. O veciño denunciou que a cheminea sae polo patio da súa casa e enche todo de cinza, e nin pode ventilar a casa en que supostamente vive coa sogra, de 91 anos, con problemas respiratorios.
Segundo Miguel Ángel Carrera Iglesias, xerente da panadería Mijallas, "ao principio eu mercaba leña a comunidade de montes de Teis, que as veces chegaba verde, húmida, e facía que houbera mais fume. Por iso eu levantei a cheminea un pouco mais do que estaba, con mediación de Urbanismo para estar de acordo ao que nos pedía. Sempre estivo todo ben, pero o veciño seguía denunciando, denunciando..."
A panadería ten licenza dende 1940. No ano 70 foi autorizada para ampliar a actividade cun forno de fuel óleo e 13 anos despois para instalar un depósito de gasóleo. Dende 2019 funciona con leña e, malia que o Concello ordenou hai dous meses o cese da actividade, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia paralizouno polo prexuízo dunha clausura inmediata aos 9 empregados.
Miguel Ángel Carrera Iglesias quéixase: "Sempre intentei arranxar as cousas polas boas, pero el, afeito a que o fume, o fume... E un forno de leña ten que botar fume, igual ca un a gas ou a gasóleo. E esta panadería leva aquí dende o ano 1940".
Mentres dure o proceso xudicial, o negocio continuará aberto.