Publicador de contidos

Publicador de contidos

O relato dos investigadores antóllase vital no xuízo pola morte dun recluso en Ourense

O relato dos investigadores antóllase vital no xuízo pola morte dun recluso en Ourense

Sen testemuñas do suceso, na Audiencia Provincial empezou o xuízo pola morte dun preso da que están acusados dous exconvictos para lle roubar unha herdanza

A Fiscalía acúsaos de asasinato e pide para eles penas de máis de vinte anos de cárcere

 

G24.gal 09/05/2022 14:38

Os feitos xulgados sucederon en agosto de 2014. A vítima, Fernando Iglesias Espiño, recluso da prisión ourensá do Pereiro de Aguiar, gozaba dun permiso de fin de semana, ao cumprir a parte final da condena a cincuenta e catro anos de prisión por matar á muller e aos dous fillos, en Canarias.

Era habitual que estivese cos dous acusados, exconvictos cos que establecera unha relación no presidio. Facíalles traballados nunha granxa, en Maside. Tal era o caso cando, segundo a Fiscalía, os procesados urdiron un plan para matalo e facerse cos vinte mil euros da herdanza que acababa de cobrar.

Déronlle un forte golpe na cabeza, quitáronlle as tarxetas do banco e a documentación, envolveron o corpo nun plástico e soterrárono nunha paraxe de Piñor. Horas despois, xa estaban retirando cartos do banco.

Os acusados negan o asasinato. Un asume que quitou cartos coa tarxeta da vítima. É Óscar González, que xa cumpriu unha condena por estafa e lle facilitou á Garda Civil a localización do corpo. O outro, Francisco Xavier González, nega todas as imputacións.

A Fiscalía asume que non hai testemuñas dos feitos, pero advirte sobre a importancia das declaracións, este martes, dos axentes da Garda Civil que levaron o caso.

Os procesados enfróntanse a penas de máis de vinte anos de prisión, por asasinato e estafa. Un xurado popular emitirá o veredicto. Están previstas dúas semanas de xuízo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade