A Xunta recorre a suspensión cautelar da caza do lobo
Argumenta que melloraron as poboacións, e que a gandería é unha actividade estratéxica da comunidade

A Xunta presentou un recurso de reposición contra a suspensión cautelar da caza do lobo decretada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), no que argumenta que melloraron as poboacións e a gandería é unha actividade estratéxica da comunidade.
A Consellería de Medio Ambiente informou este venres de que se recorreu o auto do 10 de xuño que suspendía de forma cautelar, aplicando o principio de precaución ambiental, a resolución da Xunta que reactivaba a caza na tempada 2024/2025 ao entender que "podería afectar a viabilidade das poboacións".
O recurso incide en que o estado de conservación do lobo é "favorable", xa que o número de mandas en Galicia, que concentra o 68 % do total peninsular, pasou de 90 a 93 no último censo.
"O feito de que se incrementasen aquelas compartidas con outras comunidades autónomas, lonxe de poder interpretarse como un dato negativo, mostra xusto o contrario: saturada a capacidade do territorio -o lobo abarca o 91 % de Galicia-, a especie esténdese a novas áreas", insistiu a Xunta.
O Goberno autonómico asegura que os estudos máis recentes acreditan esa evolución favorable, "como proba o feito de que se aprobase a modificación da directiva Hábitats para rebaixar o seu nivel de protección".
O recurso tamén destaca o interese "social, económico e sanitario" da gandería na comunidade, "recoñecida como actividade estratéxica para o medio rural na lexislación autonómica e estatal".
E nese sentido, discute a afirmación do alto tribunal galego de que os danos ao gando non son reversibles pero si indemnizables.
"Soster que todo pode repararse economicamente é incompatible cos sistemas normativos autonómicos (Plan de xestión), estatal (Lei 1/2025) e comunitario, que lexitiman o control do lobo baseándose no equilibrio entre a súa conservación e a viabilidade do medio rural", asevera.
O recurso subliña que desde a inclusión do lobo na Listaxe de Especies en Réxime de Protección Especial (Lespre) en 2021, o número de avisos incrementouse un 77 % (308 % desde 2010) e o de reses afectadas, un 57 %.
A Xunta tamén defende que a resolución paralizada polo auto do TSXG non tiña natureza executiva.
A orde suspendida "limítase a dar conta de que se aplica o plan de xestión do lobo" aprobado en 2008, vixente e que "supón o cumprimento estrito da normativa comunitaria, que esixe medidas cinexéticas especiais para garantir o estado de conservación da especie".
O auto do TSXG suspendeu a resolución que reactivaba a caza do lobo só durante a tempada actual, que acaba o 31 de xullo.
A Xunta informou, tras coñecerse esta decisión xudicial, de que autorizara dúas accións de caza de lobos en zonas onde se acreditaron danos ao gando, pero aínda non deran resultados e agora están suspensas.