A Xunta lamenta a "desprotección" do gandeiro coa paralización do TSXG do réxime do lobo
"Creo que lles falta contexto. A nivel Europa, decidiuse rebaixar a protección, e hai unha semana tamén no Congreso cos votos dos distintos grupos políticos", explicou
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, lamentou que, tras a paralización cautelar do réxime do lobo decretada polo TSXG, non se poderá levar a cabo "ningún tipo de xestión" e o gandeiro "quedará desprotexido".
Así se expresou a responsable autonómica en Melide, onde explicou que o equipo xurídico da Xunta está a analizar "en profundidade" o decreto. Con todo, sinalou que o galego é o único Tribunal Superior de Xustiza que toma esta decisión. "Creo que lles falta contexto. A nivel Europa, decidiuse rebaixar a protección, e hai unha semana tamén no Congreso cos votos dos distintos grupos políticos", explicou.
Apuntou ademais que xa trasladaron toda a información ao Ministerio, "que contestou que a situación do lobo era favorable". "O que non se pode pretender é que Galicia albergue a todos os lobos de toda España", apostilou. "Estou convencida de que imos recorrer. Galicia non pode ter un comportamento distinto ao que ten Cantabria ou Asturias", afirmou Ánxeles Vázquez.
A conselleira lembrou que en Galicia morren 10 reses ao día de media e que, aínda que ofrecen todo tipo de axudas, "tamén para a prevención", pero sinala que hai zonas que, "por ser singulares", son imposibles de protexer, como é o caso da Capelada, con cabalos salvaxes.
"Espero que unha vez achegada a documentación, o resultado sexa beneficioso. Pero agora todas as solicitudes que hai encima da mesa, quedan paralizadas polo menos ata que acabe xullo", explicou.