Nove anos de cárcere por agredir, coaccionar e maltratar a súa parella na Estrada
Os maxistrados consideran probado que o acusado exerceu un comportamento "controlador e celoso" coa súa vítima
"Illouna da súa familia e amizades e adoitaba humillala e menosprezala"
Imaxe de arquivo da Audiencia Provincial de Pontevedra
A Audiencia de Pontevedra condenou a nove anos de cárcere un home que agrediu, coaccionou e maltratou a súa parella na Estrada (Pontevedra), segundo informou este venres o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
O tribunal considérao autor dos delitos de lesións no ámbito da violencia sobre a muller, ameazas, danos, contra a intimidade, malos tratos habituais e coaccións.
Comportamento controlador dun home que non aceptaba o final da súa relación de parella
Os maxistrados da sección cuarta da Audiencia consideran probado que o acusado exerceu un comportamento "controlador e celoso" practicamente desde o inicio da relación que mantivo coa vítima, que se estendeu entre febreiro de 2020 e decembro de 2022.
"No seu afán controlador e de sometemento illouna da súa familia e amizades" e adoitaba "humillala e menosprezala como expresión da concepción machista que tiña da muller polo mero feito de selo".
Entre os feitos probados que os xuíces relatan na súa resolución atópanse dúas agresións nun local de copas da localidade, nunha das cales agarrou a vítima polo pescozo e empurrouna contra a parede.
A sentenza tamén considerou acreditado que, en decembro de 2022, cando xa non eran parella, fracturou o cristal do vehículo da vítima; e, en febreiro de 2023, conduciu o seu coche en sentido contrario cara a ela e o seu acompañante, freando a escasa distancia.
Ese mesmo ano, no mes de xuño, tras insistir en que marchara con el co pretexto de manter unha conversación, exhibiu un coitelo, ameazou con picarlle as rodas do coche, escachou os cristais do vehículo e golpeou o coche da súa exparella co seu propio automóbil.
Ademais, segundo os feitos probados da resolución, aproveitando que estaba espida nun cuarto de hotel, "sen que ela se decatase e sen o seu consentimento, realizou un vídeo e fotografías dos seus seos e das súas partes íntimas, que gardou no seu teléfono móbil".
A sala destaca que o acusado "non aceptaba o final da súa relación de parella", e co fin de convencela para retomala escribiulle mensaxes de texto e mandoulle audios durante meses.
Tamén a chamaba e enviáballe mensaxes de forma "reiterada e insistente" se ela non respondía para saber onde e con quen estaba, "co fin de perpetuar o control que viña exercendo sobre ela", indica o tribunal, sendo "frecuente" que aparecese en lugares onde ela estaba.
Xunto coa pena de cárcere, a sentenza imponlle unha indemnización de 8.000 euros á súa exparella como compensación polo dano moral que lle causou.
A sentenza non é firme e pode ser recorrida ante o TSXG.