Publicador de contidos

Publicador de contidos

A terceira xornada de folga paraliza o bus da provincia da Coruña á espera dunha mediación este mércores

A terceira xornada de folga paraliza o bus da provincia da Coruña á espera dunha mediación este mércores

Os piquetes en Santiago impiden a saída de servizos mínimos na folga de transporte

TVG TVG
G24.gal 15/12/2025 10:30 Última actualización 15/12/2025 12:01

A terceira xornada de folga no sector do autobús da provincia da Coruña paralizou este luns de novo o transporte de viaxeiros por estrada debido á actuación de piquetes informativos para reclamar un convenio "digno".

Esta protesta prodúcese á espera da reunión que terá lugar este mércores, 17 de decembro, no Consello Galego de Relacións Laborais, en Santiago, a partir das 16:00 horas, entre as catro asociacións patronais e o comité de folga -formado por CIG, UXT e CC.OO.-, onde mediará o director territorial de Inspección de Traballo, Demetrio Fernández.

En declaracións a Europa Press, o responsable de CIG Transportes, Ernesto López Rei, explicou que esta terceira xornada de mobilizacións en 10 días -as anteriores tiveron lugar os días 5 e 12 de decembro- provoca que o transportes en bus estea "parado" de forma xeneralizada, nunha protesta que se produce de forma "tranquila".

Sinala que non hai movemento nas estacións de bus das tres cidades coruñesas -Santiago, A Coruña e Ferrol-, pero tampouco noutras vilas medianas e pon o exemplo de Carballo.

A próxima xornada de folga será este venres, xusto antes do período do Nadal. López Rei augura que a mediación deste mércores non servirá para desconvocar a protesta antes do 19 de decembro, pois non cre que "o que non se solucionou en catro anos se faga en catro horas". Os sindicatos ameazan cunha folga indefinida a partir de xaneiro se non hai avances.

Sen servizos mínimos en Santiago

Os piquetes volveron impedir a primeira hora deste luns a saída dos servizos mínimos do transporte urbano en Santiago de Compostela na terceira xornada de folga de viaxeiros por estrada. Segundo apuntaron fontes municipais, os piquetes impediron a saída dos autobuses urbanos que debían realizar as viaxes de primeira hora fixados nos servizos mínimos.

Ademais, as mesmas fontes detallaron que se tivo constancia da rotura dos cristais dianteiros dun autobús que cobre a liña 7.

Protestas en Ferrol

En Ferrol, Antonio López, representante de UXT, explica que a situación "está igual que os outros dous días", cun paro total. Mantivéronse unicamente tres rutas especiais: para dous colexios de nenos con problemas especiais e outra dirixida a persoas con minusvalías.

O portavoz sindical asegura que non hai servizos mínimos e que a xornada transcorre con tranquilidade e sen problemas. Houbo unha concentración fronte ao edificio administrativo da Xunta en Ferrol ás 11,00 horas.

Demandas

CIG, UXT e CCOO convocaron catro xornadas de folga para este mes de decembro -os días 5, 12, 15 e 19- no transporte de viaxeiros por estrada en toda a provincia da Coruña en demanda dun convenio colectivo "digno".

Os sindicatos critican que a única oferta do empresariado é un "ridículo" aumento do 1,2 % de salarios en 2025 tras catro anos co convenio caducado -que a última vez que se negociou foi hai sete anos-.

Demandan un maior aumento e unha cláusula de garantía ligada ao IPC. Tamén piden mellores horarios e conciliación, cunha redución de tempo de condución e limitación de xornadas que consideran abusivas.

Outra reivindicación pasa por reclamar melloras nas condicións do persoal acompañante do transporte escolar, un colectivo altamente feminizado e precarizado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade