Villaverde afirma que o recorte de capturas terá un impacto en Galicia de 65 millóns de euros
A conselleira do Mar asegura que Bruxelas optou pola proposta máis restritiva e lamenta que só se tiveran en conta os criterios biolóxicos e non a sostibilidade económica do sector
"Ou non se incorporaron os informes que levou Galicia ás negociacións ou non se escoitaron", lamenta Marta Villaverde
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, advirte do "grande impacto" que terá na frota galega o repartimento de cotas pesqueiras acordado por Bruxelas. A cota da xarda redúcese un 70 %, a do lirio nun 40 % e a do abadexo diminúe un 26 %, unha baixada que se suma á redución do 36 % acordada na campaña anterior.
Segundo Villaverde, o "balance para Galicia non foi moi satisfactorio" e cifra en 65 millóns de euros o impacto que o recorte destas tres especies terá no sector.
"Recolleron a proposta mais restritiva, o que evidencia que só tiveron en conta datos biolóxicos e non a sostibilidade económica do sector; ou non se incorporaron os informes que levou Galicia ás negociacións ou non se escoitaron", asegurou a conselleira no Bos días.
A conselleira do Mar afirma que se alegra "profundamente" do repartimento das cotas acordado para a frota do Mediterráneo xa que "a situación de partida era moi mala". Entende a satisfacción do ministro de Pesca, pero "lamentamos que non tivera como obxectivo mellorar as propostas iniciais do TAC asignado á frota do Atlántico.
Marta Villaverde asegura que seguirán traballando e metendo presión en Madrid para tentar que se melloren estes resultados e se defendan os intereses galegos "contundentemente" e avanza que pedirán que se apliquen penalizacións comerciais a países que como Noruega, Reino Unido ou Islandia pescan de forma "non sostible" e se "autoasignan cotas máis amplas".