Gallástegui: "Coa unión das empresas en CoRural imos dotar de maior estabilidade e futuro ao sector primario galego"
Gallástegui: "Coa unión das empresas en CoRural imos dotar de maior estabilidade e futuro ao sector primario galego"
Juan Gallástegui, director xeral de Clun, di que CoRural acollerá calquera proposta nova de valor a calquera gandeiro que queira incorporarse
Clun e Leite Celta, importantes empresas lácteas de Galicia, xúntanse. Coa unión, nace CoRural, que será o terceiro grupo que máis cantidade de leite vai recoller en Galicia.
A nova compañía integrará 1.400 gandeiros e empregará 800 persoas. Conta con oito plantas industriais e un volume de negocio de 600 millóns de euros. Será o terceiro grupo que máis leite recolla en Galicia. Con todo, conservará as súas marcas Celta, Feiraco e Clesa.
Juan Gallástegui, director xeral de Clun e conselleiro delegado de CoRural, foi entrevistado este luns no informativo 'Bos días' da Televisión de Galicia. Afirmou que CoRural é unha suma de esforzos de dúas empresas con moita tradición en Galicia.
"Creo que esta suma de esforzos vai provocar que todo o elo da cadea teña beneficios. Os produtores teñen un instrumento a súa disposición máis forte para visibilizar esa gran produción en Galicia, por outra parte, as industrias van colaborar con sinerxías máis produtivas e o consumidor vai ter máis produtos para mercar", afirmou o director xeral de Clun.
CoRural aglutina marcas como Feiraco, Unicla A2, Celta ou Clesa, unhas marcas ben posicionadas na opinión de Gallástegui.
"Un grupo que non só é leite. É a primeira produtora de capital non estranxeiro de iogures Clesa. Temos derivados lácteos, sobremesas, iogures e teremos unha diversificación moi ampla de produtos para os consumidores", destacou o director xeral de Clun.
CoRural agora ten que esperar a que competencia se pronuncie e unha vez que estea a autorización comezarán cos elementos xurídicos para que poida arrincar canto antes esta unión.
Terceiro grupo que máis leite merca aos gandeiros en Galicia
En Galicia había unha demanda histórica como a de ter un grupo lácteo propio e ese momento xa chegou.
"É unha gran noticia que un grupo propio desde Galicia teña esta dimensión e sobre todo porque isto é o comezo dun camiño de crecemento e fortalecemento do sector primario en Galicia".
Desde CoRural ábrense a porta a que outras empresas formen parte desta unión. Trátase dun proxecto non individualista se non colectivo onde moitos gandeiros teñen moito que ofrecer.
Segundo destacou Gallástegui, queren estender os servizos cooperativos a todos os gandeiros que queiran incorporarse, e queren dar unha mensaxe de optimismo, estabilidade e de confianza.
Para rematar, o conselleiro delegado de CoRural quixo dar unha mensaxe de optimismo e esperanza aos gandeiros, porque coa unión das empresas que colaborar neste proxecto van dotar de maior estabilidade e futuro o sector primario galego.