Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda, “satisfeito” tras reunirse co comisario de Agricultura polo compromiso de reforzar controis ante o Mercosur

Rueda, “satisfeito” tras reunirse co comisario de Agricultura polo compromiso de reforzar controis ante o Mercosur

O presidente da Xunta reclama garantías para evitar competencia desleal e confía en que non haxa recorte nos fondos da nova PAC

G24.gal 03/03/2026 20:39

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou saír “satisfeito” da reunión mantida este martes en Bruxelas co comisario europeo de Agricultura, Christophe Hansen, que se comprometeu a reforzar as inspeccións nas aduanas ante a entrada en vigor provisional do acordo con Mercosur.

Rueda trasladoulle a necesidade dunha “estrita observancia” das cláusulas de salvagarda e das garantías que eviten que a agricultura e a gandería galegas sufran “ningún tipo de prexuízo” coa aplicación do acordo comercial.

O mandatario galego insistira previamente en asegurar os controis de orixe da Arxentina, O Brasil, Paraguai e O Uruguai para que toda a mercadoría agraria e gandeira importada á Unión Europea cumpra os mesmos requisitos esixidos dentro do bloque comunitario e evitar así competencia desleal.

Segundo explicou, o comisario comprometeuse a aumentar as inspeccións e os inspectores da UE para garantir ese control, aínda que precisou que se trata de xestións que se desenvolven nas fronteiras e que son competencia dos Estados membro.

Rueda apelou á colaboración de todas as administracións nos controis de calidade dos produtos procedentes dos países de Mercosur.

Tamén defendeu que as importacións non supoñan prexuízo e instou a aproveitar as oportunidades de exportación desde Galicia.

Confianza na xestión dos fondos da nova PAC

O presidente galego referiuse tamén á reforma da Política Agraria Común e á proposta da Comisión Europea de reorganizar o gasto comunitario mediante a creación dun fondo europeo único que agruparía distintas políticas, entre elas a agrícola, baixo un plan por Estado membro.

Este modelo implicaría que a PAC deixase de contar cun fondo agrícola específico e abandonase a súa estrutura tradicional de dous piares, sen que se coñeza aínda o importe global do financiamento nin o sistema de pagamentos ata a aprobación dos plans nacionais.

Rueda trasladou a necesidade de manter fondos suficientes para favorecer a vida no rural galego, continuar coa modernización das explotacións e garantir o relevo xeracional.

Segundo indicou, o comisario aceptou unha invitación para visitar Galicia e comprobar o impacto dos fondos europeos na modernización das explotacións.

Expresou a súa confianza en que non haxa merma nos recursos destinados ao rural e sinalou que arredor do 95 % dos fondos que recibiu España da PAC no período actual se manterán, mentres que o 5 % restante está en negociación.

Xestión rexional dos fondos agrarios

Rueda defendeu ante Hansen que non se modifique o sistema de xestión dos fondos agrarios, actualmente administrados polas rexións, para transferir esa competencia aos Estados membro.

Considerou que a xestión por parte das comunidades autónomas foi máis eficaz que a centralización.

Como exemplo, citou a execución dos fondos Next Generation, ao indicar que as comunidades xestionaron practicamente o 100 % dos recursos transferidos, mentres que o Goberno central tivo unha xestión “moi mellorable” dos fondos reservados.

Durante o encontro, tamén reclamou que, no caso de asignar máis fondos ás rexións afectadas polo cambio climático, se sigan criterios equitativos sen favorecer uns territorios sobre outros.

Rueda sinalou que Galicia tamén sofre as consecuencias do cambio climático e puxo como exemplo os problemas derivados do recente tren de borrascas.

Finalmente, suxeriu que na nova PAC non se prioricen as grandes extensións agrarias propias de determinados territorios do sur de España, xa que no norte predominan explotacións de menor tamaño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade