Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os sindicatos saen á rúa no Primeiro de Maio para esixir salarios e vivenda digna

Os sindicatos saen á rúa no Primeiro de Maio para esixir salarios e vivenda digna

Os sindicatos de clase esixen recuperar dereitos, elevar os soldos dos traballadores e que se poida acceder a servizos básicos como a vivenda

A CIG traslada a súa manifestación principal a Lugo, denunciando a "deriva golpista" da Xunta e sinala a moción de censura que prevé darlle a alcaldía da cidade ao PP

Manifestación da CIG en Lugo (EFE/Eliseo Trigo) Manifestación da CIG en Lugo (EFE/Eliseo Trigo)
G24.gal 01/05/2026 12:55 Última actualización 01/05/2026 14:09

Os principais sindicatos con representación en Galicia, CIG, CCOO e UXT, saíron ás rúas neste Primeiro de Maio para reclamar mellores salarios, servizos e vivenda digna e facer fronte á espiral belicista.

Como vén sendo a tónica dos últimos anos as centrais CCOO e UXT marcharon nunha manifestación unitaria para a que nesta ocasión elixiron A Coruña para o seu acto principal.

No caso da CIG, o sindicato nacionalista levou a Lugo a súa manifestación principal, en resposta á "deriva golpista" do Partido Popular, nomeadamente a moción de censura en marcha no consistorio lugués.

A CIG pon o foco en Lugo

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, chamaba, antes de comezar a mobilización, "a facer unha xornada de loita baixo o lema 'Contra o imperialismo, pola paz e pola soberanía'. Na Galiza chamamos a ter traballo digno e dereitos".

Carril denunciaba que é imposible "ter unha vivenda, e poder acceder a uns bens básicos de consumo", mentres se incrementa o gasto militar, algo "incompatible co berro de 'Non á guerra'".

Así, recalcou que a guerra promovida polo "capitalismo neoliberal" pretende impoñer a "hexemonía" dos Estados Unidos, e agrava a "situación crítica" que padecen os traballadores, tamén os galegos. 

En canto á Xunta de Galicia, o secretario xeral da CIG sinalaba que "está sumido no autoritarismo", e destacaba a moción de censura en Lugo como un exemplo de "golpismo", mentres ademais desmatela os órganos de negociación nos que están representados os traballadores.

En Galicia, denunciou, o PP está "máis preocupado" por "compartir unha axenda con Vox" que pola clase traballadora, á que "criminaliza" cando cae enferma.

"Salarios, vivenda e democracia" na protesta de UXT e CCOO 

As centrais UXT e CCOO levaron a súa manifestación principal ás rúas da Coruña baixo o lema 'Dereitos, non trincheiras. Salarios, vivenda e democracia'.

Foi, segundo os convocantes, con asistencia dunhas 4.000 persoas na cidade herculina e con presenza da secretaria xeral de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, e do seu homólogo de UXT, Cristóbal Medeiros, alén de representantes políticos, entre eles o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o de Sumar Galicia, Paulo Carlos López.

"Esiximos salarios, vivenda e democracia", resumiu a primeira en liña co exposto tamén polo máximo responsable de UXT en Galicia, quen incidiu en que ten que haber un aumento de salarios para "vivir con dignidade" e con "dereito á vivenda".

"Non pode ser que se estea matando persoas no século no que vivimos", sinalou Medeiros no marco dunha protesta con pancartas contra o "xenocidio".

Isto nunha mobilización na que se corearon proclamas como 'goberne quen goberne as pensións deféndense', 'máis industria, máis emprego', 'salarios dignos e de calidade' ou 'a Xunta de Galicia recorta e privatiza'.

Ana Pontón pide "gañar máis dereitos"

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, participou na manifestación que a CIG convocou na Coruña, onde sinalou que é "un día para reivindicar a necesidade de seguir avanzando en dereitos, fronte aos recortes".

"O que necesitamos é seguir gañando dereitos", dixo Pontón quen sinalou a Alfonso Rueda "quen quere limitar o dereito dos traballadores e as traballadoras cando enferman".

"Estamos vendo como en Galiza se fan máis de 100.000 horas á semana de maneira gratuíta e o señor Rueda non fai absolutamente nada", sinalou a líder do BNG.

"E tamén queremos reivindicar a paz, estamos nun momento no que o imperialismo está promovendo guerras que afectan os traballadores, mentres o PP se coloca do lado equivocado da historia", concluíu Pontón.

Besteiro pide "vivenda accesible para todos" e "salarios dignos" para os traballadores

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, pediu este venres "vivenda accesible para todos" ante a "enorme dificultade" de acceso, especialmente para os mozos, así como "salarios dignos", coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Traballadores.

Antes da manifestación convocada por CCOO e UXT na Coruña, o máximo dirixente dos socialistas galegos avogou por un estado do benestar que, ao seu xuízo, "non se entende sen o impulso dos dereitos dos traballadores".

O dirixente socialista reprochou que ese sistema "a dereita e a ultradereita quéreo botar abaixo" e preconizou unha "loita constante e celebración" a prol dun "novo impulso do estado do benestar".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade