Publicador de contidos

Publicador de contidos

A veda do polbo comeza este venres, tras unha campaña que deixa 15 millóns de euros

A veda do polbo comeza este venres, tras unha campaña que deixa 15 millóns de euros

Non se poderá volver capturar ata o vindeiro 1 de xullo. A temporada deixa 1.300 toneladas de capturas

Este xoves vendíase a 17 euros o quilo en mercados como o de Bueu 

TVG
G24.gal 30/04/2026 15:32

A veda do polbo, que comeza este venres, vaise prolongar durante dous meses, ata o 1 de xullo

Esta última campaña deixa máis de 1.300 toneladas de capturas e unha facturación de case 15 millóns de euros.

"O inicio da campaña foi brutal, foi un inicio de campaña onde todo o mundo collía as cotas moi cedo e viña para terra, co cal gañou en diñeiro, en calidade de vida e conciliación familiar", asegura Xosé Manuel Rosas, patrón maior de Bueu.

Na mañá deste xoves, en prazas de referencia como a de Bueu, poucos se resistiron a mercar os últimos exemplares de polbo.

"Eu non vou pasar dous meses sen polbo".

"Por se acaso, porque son dous meses e non quero quedar sen el porque nos gusta a todos, ata ás netas, que sempre me preguntan se hai polbo".

Fanny Torres leva vendendo polbo fresco desde hai moitos anos nesta praza de Bueu. Conta que é a única que ten sempre polbo, que practicamente é ao único que se dedica.

Na mañá deste xoves tivo moitas encargas porque os seus clientes non queren estar sen polbo durante este dous meses de paro biolóxico. Así que ofrece distintos tamaños e prezos adaptados a todos os petos.

"Agora mesmo está o pequeno a 17 euros, o mediano a 20 e o grande a 21 euros", explica.

E iso que, di, non foi unha campaña boa, porque os temporais obrigaron a ter a frota amarrada moitos días.

"Houbo moi mal tempo. O tempo non axudou, non puideron saír ao mar durante bastantes días. As capturas foron bastante baixas".

Aínda así, o balance final da campaña foi bo pola repunta final destas últimas semanas.

Nos portos de Bueu e Ribeira, que son os referentes do polbo en Galicia, e no resto, as embarcacións que se dedican á súa captura con nasa teñen que retirar estes aparellos ata o 1 de xullo, cando dea inicio a nova temporada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade