O primeiro de maio comeza a veda do polbo que vai durar dous meses
A Xunta e o sector acordan o novo plan despois dos bos resultados do paro biolóxico
Na última campaña colléronse 1.327 toneladas de cefalópodo cun valor de mercado de 14,75 millóns de euros
Desde o primeiro de maio xa non se poderá capturar polbo en Galicia porque comeza o período de veda biolóxica que se prolongará ata o inicio do mes de xullo.
A medida adóptase despois de ver os resultados dos tres meses de descanso do ano pasado: dous de parada biolóxica e un de paro subvencionado cos fondos FEMPA. Con isto conseguiuse axustar a xestión pesqueira a unha explotación sostible do recurso.
Durante os dous próximos meses non estará permitida nin a captura nin o almacenamento, venda ou comercialización e as embarcacións que se dedican á súa pesca deberán retirar o aparello e levalo ao porto.
Cando a veda remate a nova campaña mantén as normas de protección do recurso que había ata agora. O peso mínimo da captura será dun quilo por peza.
Durante os meses de verán, xullo e agosto, cada embarcación terá 35 quilos de cota aos que se engaden outros 35 por tripulante ata un máximo de 240 quilos diarios.
A partir do 1 de setembro a cota sobe a 55 quilos por embarcación e día máis outros 55 por tripulante, ata un máximo de 380.