Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comisan un milleiro de aparellos ilegais para a captura do polbo na Guarda

Comisan un milleiro de aparellos ilegais para a captura do polbo na Guarda

É unha arte prohibida en augas galegas porque atrae sobre todo femias en período de desova

A loita contra o furtivismo permitiu no que vai de ano comisar máis de seis toneladas de polbo ilegal en Galicia

G24.gal 16/08/2025 19:01

O operativo levouse a cabo a dúas millas e media da costa da Guarda. Nunha zona moi produtiva coñecida polos furtivos. Os efectivos de gardacostas atoparon case un milleiro de aparellos ilegais, denominados cacharros, tendidos ao longo de sete millas e a sesenta metros de profundidade.

"Botamos ao mar 444 kg de polbo, e dos 934 recipientes, 17 viñan con ovas, coa femia metida dentro do recipiente e coas ovas pegadas. Os cacharros libéranse para que a femia poida continuar coa xestación dese polbo", asegura Julio Rodríguez Navas, xefe da sala de operacións de Gardacostas.

O cacharro é un bote de plástico pousado no fondo mariño, onde adoita entrar a femia do polbo para desovar. Está permitido en Portugal, pero totalmente prohibido en augas galegas.

"Nas augas portuguesas está permitido, nun número limitado por embarcación, pero aquí non se pode empregar porque todo o que se captura neses cacharros son femias", di Rodríguez. 

Desde xaneiro o servizo de gardacostas comisou arredor de 6.500 quilos de polbo ilegal, o triplo que o ano pasado, cun valor estimado de 70.000 euros. O traballo de inspección previo á veda do polbo, permitiu que a campaña, que se abriu en xullo, dese bos resultados.

"Ao haber esta operación quitouse moito cacharro anterior á veda e desde que abriu os mariñeiros están contentos porque tiveron moitas capturas", asegura Rodríguez.

Segundo datos da consellería do Mar, as aprehensións de marisco e peixe a furtivos aumentaron un 13 por cento neste ano este ano con respecto ao mesmo período do ano anterior. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade